Unha avaría para 180 minutos un tren rexional entre O Freixeiro e San Clodio

O incidente provocou algúns atrasos noutras conexións ferroviarias que pasan por Monforte 
2019021908173376668
photo_camera Un tren en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ (ARQUIVO)

O tren rexional que conecta Vigo e Ponferrada sufriu este domingo unha avaría nun automotor e estivo detido durante 180 minutos. O incidente produciuse entre San Clodio (Ribas de Sil) e O Freixeiro e provocou algúns atrasos noutras conexións ferroviarias que pasan por Monforte. 

As liñas afectadas por esta avaría eran rexionais e tamén tivo dificultades para cumprir cos horarios o Alvia con destino Barcelona. Segundo puido saber este diario, os atrasos non foron superiores a 24 minutos. 

Unha vez solucionada a avaría no tren afectado o tráfico restableceuse con relativa normalidade, só co citado atraso de 24 minutos polo que se viron afectadas algunhas conexións. 

Os incidentes nas liñas fixéronse moi frecuentes nos últimos tempos. O deste domingo non foi o máis grave, pero si un máis dos moitos que se produciron. O máis recente sucedeu hai un mes, cando un desprendemento nos Peares colapsou a vía e tivo os pasaxeiros parados en Monforte durante algunhas horas.

Comentarios