Renfe anunciou este xoves unha modificación da conexión entre A Coruña e Santiago para que os usuarios do Avant que finaliza o seu traxecto en Ourense poidan enlazar co tren que chega á cidade das Burgas desde Vigo e así poder seguir a súa viaxe ata as estacións situadas no sur de Lugo e a comarca de Valdeorras, en dirección a Ponferrada.
Entre os grandes beneficiados atópanse os estudantes e traballadores, que utilizan o tren para volver a casa, principalmente, os venres. Renfe sinalou que poderán regresar en menos tempo e nun horario máis axustado ás súas necesidades.
O Avant sae da Coruña ás 15.10 e pasa por Santiago ás 15.30 horas. Ás 16.18 chega a Ourense, onde se fará ás 16.30 horas o enlace co tren Vigo Guixar-Ponferrada, que á súa vez verá modificada a súa saída das 13.55 (horario actual, vixente ata o 7 de maio) ás 14.10 horas, que quedará implantada desde o 8 de maio. Así mesmo, a chegada a Ponferrada será ás 19.20 horas e non ás 18.49.
Fontes de Renfe explicaron que o seu obxectivo é adaptar a oferta á demanda e ofrecer mellores conexións e horarios aos usuarios que así o reclamaban.
Un dos municipios onde se produciron máis protestas foi en Ribas de Sil. Alí atópase a estación de San Clodio-Quiroga, unha das moitas situadas entre Ourense e Ponferrada que se beneficiarán.
O equipo de goberno local celebrou as xestións cos senadores socialistas de Lugo e Ourense César Mogo e Miguel Bautista. Segundo precisaron, os contactos dos representantes con Renfe foron claves para estes logros.