As aulas do Courel baléiranse para protestar contra o plan de transportes

O novo sistema de transportes obriga aos estudantes a pasar máis dunha hora no autobús en lugar de realizar o traxecto de xeito directo
Clase vacía en Folgoso do Courel. EFE
photo_camera Clase baleira en Folgoso do Courel. EFE

Os alumnos do colexio Poeta Uxío Novoneyra, de Folgoso do Courel, non se reincorporaron este venres ás súas clases logo das vacacións de Nadal, a causa do paro convocado pola Anpa do centro como medida de protesta polos cambios que prevé aplicar a Consellería de Educación no sistema de transporte escolar. 

Segundo explicaron fontes da Anpa, ata agora o servizo de transporte escolar realizábano os taxistas locais —organizados en seis rutas—, que se ocupaban de recoller aos nenos —uns trinta alumnos— nas súas respectivas aldeas e de trasladalos ao colexio. 

Con todo, segundo a asociación de pais, cos cambios previstos pola Consellería de Educación, os nenos "pasaranse máis dunha hora no autobús" para chegar ao colexio e, ademais, terán que esperar polo transporte en lugares apartados nos que non hai marquesiñas nin sitio para gorecerse das inclemencias do tempo. 

Ademais de non levar aos seus fillos ao colexio, os pais do Courel puxeron en marcha unha campaña de recollida de firmas, coa que xa conseguiron máis de 3.000 apoios, e presentaron alegacións na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo. 

O novo plan fará que seis taxistas locais perdan o emprego

Nas súas demandas, a Anpa tamén conta co apoio do goberno local e dos grupos da oposición do Courel. 

"Os que facían ata agora o servizo eran os taxistas locais", explica a presidenta da Anpa, Pilar Veiga, de modo que os nenos "saían das súas aldeas e ían ao colexio", pero agora antes de chegar ao centro algúns "terían que percorrer media serra". 

"Os nenos teñen que chegar descansados ao colexio. Se hai vinte minutos desde a súa casa ao centro, pois terán que facer cada día un percorrido de 20 minutos, pero non podemos telos unha hora paseando" por estradas "de montaña".

As Anpas galegas, co Courel

A Confederación de Anpas Galegas emitiu un comunicado no que expresa o apoio deste colectivo "á reivindicación" que están a facer os pais do Courel porque demandan "xustamente" un "trato diferenciado para unha realidade diferente". 

A Confederación recorda que "a Anpa do Courel leva moitos días mobilizándose para evitar que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade licite as liñas de transporte escolar nas condicións que ten previsto". 

Unhas condicións, opina, que "levarán a unha redución do número de rutas e, polo tanto, a un incremento moi considerable do tempo de percorrido". 

"Pero non só é isto. é que, por outra banda, todos os taxistas que fan as rutas escolares quedarían sen traballo", o que suporía que "o 20% das familias do colexio perderían boa parte dos seus ingresos, nunha zona onde as posibilidades de atopar traballo son bastante limitadas". 

Por iso, a Confederación sostén que "o que se perde nesta situación non é só calidade no transporte escolar e postos de traballo", senón que "o que perdemos todos é un pouco máis da montaña e do rural". 

Comentarios