martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

Asasinan o fillo de José Fernández, natural de Chantada e alcalde dunha cidade venezolana

José Fernández e Mitchel Fernández. EP
José Fernández e Mitchel Fernández. EP
O rexedor estivo o pasado agosto na vila do Asma, onde mantivo unha reunión co seu homólogo, Manuel Varela

Coche no que apareceu o corpo. EPJosé Fernández, Josy, é un dos moitos fillos da emigración galega a América do Sur. As súas raíces están en Chantada e el é, actualmente, alcalde dunha cidade de Venezuela chamada Los Salias. O seu fillo, Mitchel Fernández Morales, foi asasinado este sábado mentres negociaba a compra dun vehículo.

O xornal venezolano El Pitazo fíxose eco da tráxica noticia, que chegou ata este punto do Atlántico. O fillo de José Fernández era piloto comercial e a súa morte causou unha conmoción tremenda en Los Salias, poboación situada nos arredores de Caracas.

En Chantada non tardaron en sucederse as reaccións ao suceso, a pesar da súa distancia. Na vila do Asma hai unha importante comunidade venezolana, moitos dos seus membros chegados de forma recente escapando do Goberno de Nicolás Maduro e dos altos índices de delincuencia do seu país natal.

O propio alcalde de Chantada, o popular Manuel Lorenzo Varela, mostrouse impactado pola noticia, pois hai apenas un mes que coñeceu ao seu homólogo de Los Salias. "José veu pola Casa do Concello coa súa nai, que tamén é de Chantada, para coñecerme e estiveron un bo anaco falando comigo. Eu non sabía deles. Quedaron en volver en canto lles fora posible", comentou o rexedor chantadés.

Varela engadiu que José Fernández mantivo igualmente un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e relatou que a intención da súa visita a Galicia, ademais de para recuperar o contacto coas súas raíces, foi conseguir medicamentos para enviar a Venezuela. "O máis importante para el era obter medicacións e axudar a súa xente", confirmou o alcalde de Chantada.

Varela comentou que a José Fernández sorprendeulle o feito de que non tivese que solicitar unha audiencia para verse con el e detallou que durante a súa estancia en Chantada, tanto el como a súa nai mantiveron conversacións con veciños acerca da situación en Venezuela. "Impactoume moito cando me dixo que era alcalde dunha cidade de máis de 100.000 habitantes e tamén que comentasen que se nós temos queixa do noso país, entón eles non saben que dicir do seu", relatou Manuel Varela.

ORIXES. A nai de José Fernández viviu, seguro, en Chantada, aínda que nin o alcalde nin ningún dos veciños consultados puideron precisar se José Fernández naceu na vila do Asma ou o fixo xa en Venezuela. Si falaron de posibles lazos familiares que o político latinoamericano aínda conservaría en Chantada.

Segundo transcendeu, o fillo de José Fernández faleceu durante un tiroteo preto de Caracas. Tras ser sometido por uns supostos compradores —sempre segundo a información de El Pitazo— orixinouse un intercambio de disparos que terminou coa vida de Mitchel Fernández.

Asasinan o fillo de José Fernández, natural de Chantada e alcalde...
Comentarios