As mans que sanan ao Lugo

O chantadés Antón Eiré é desde hai tres campañas o recuperador de lesionados do club

Antón Eiré (primero por la izquierda), durante una sesión de entrenamiento del Lugo. EP
photo_camera Antón Eiré (primeiro pola esquerda), durante unha sesión de adestramento do Lugo. EP

Os equipos de fútbol profesionalizáronse ata tal punto que calquera detalle se traballa e planifica durante a semana cun técnico especializado. Houbo épocas nas que practicamente todos os aspectos relacionados coa preparación eran responsabilidade do adestrador. Hoxe en día, as tarefas repártense entre profesionais cada vez máis cualificados.

Antón Eiré, nacido fai 27 anos en Chantada, sinala que non fai moito había un baleiro entre a lesión dun xogador e a súa volta aos terreos de xogo. Faltaba unha figura que se ocupase de preparar ao futbolista durante a súa recuperación. Aí atopou o seu nicho. O mozo técnico é desde hai dúas tempadas e media o recuperador de lesionados do primeiro equipo do CD Lugo.

Axudar a un xogador a saír dunha lesión é o labor principal de Antón Eiré no club, pero non a única. "Tamén traballamos aspectos relacionados coa prevención e a nivel individual facemos cos xogadores exercicios complementarios", di.

Os seus inicios foron na SD Chantada, equipo desde o que deu o salto ao conxunto branquivermello

A súa chegada á Segunda División do fútbol español chegou tras un paso inicial por un dos clubs do seu municipio natal, a SD Chantada. Alí comezou como preparador físico e adestrador axudante do cadro filial, aínda que pronto se centrou na recuperación de lesións.

A súa chegada ao Lugo foi froito de algo tan común como enviar un currículo. Cando Kiko Corredoira subiu desde as categorías inferiores ao posto de preparador físico do primeiro equipo —onde se mantén—, a entidade que preside Tino Saqués chamou a Antón Eiré para ocupar esa vacante cos equipos de fútbol base.

O de Chantada empolicouse ao mundo profesional da man do adestrador José Durán, en febreiro de 2016. Aí quedou. Tras Durán, dirixiron ao Lugo en Segunda Luís César Sampedro, Francisco e, actualmente, Javi López. Todos contaron coas mans sanadoras de Antón Eiré.

"Síntome moi afortunado e procuro gozar do día a día, porque o fútbol profesional é moi volátil", sinalou o recuperador de lesionados do Lugo. Sobre o seu futuro, non descarta nada, aínda que tampouco pensa en algo concreto. "Estou centrado no presente. A de readaptador é unha formación moi específica e hai que pensar cen por cen nela, pero claro que me gustaría ser preparador físico sempre que se poida. É a miña gran paixón", conclúe.

Comentarios