Arquivada a denuncia por prevaricación contra o alcalde de Quiroga

Segundo a información facilitada polo Concello, esta causa comezou no ano 2017, no marco dunha peza separada doutra investigación coordinada pola xuíza Pilar de Lara
Julio Álvarez. AEP
photo_camera O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez. EP

O Xulgado de Monforte de Lemos arquivou a denuncia por prevaricación administrativa e tráfico de influencias presentada contra o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o exsecretario municipal Luís Neto Lago, por un suposto trato de favor cara a un familiar dunha persoa investigada pola xuíza Pilar de Lara, informan fontes municipais.

Segundo a información facilitada polo Concello, esta causa comezou no ano 2017, no marco dunha peza separada doutra investigación coordinada pola xuíza Pilar de Lara e realizada por Vixilancia Aduaneira, centrada nese caso nun suposto branqueo de capitais e contrabando, na que figuraba como implicado un veciño de Quiroga.

No transcurso desa investigación, "a este señor foille interceptada unha conversación cun dos seus irmáns, na que nomearon ao alcalde de Quiroga", o que motivou que a xuíza De Lara abrise "unha peza separada" e remitísella ao Xulgado Número 2 de Monforte de Lemos.

Dito xulgado abriu unha investigación no ano 2017 e pechouna esta semana, o 16 de febreiro, dado que arquivou "definitivamente o caso" por ese suposto trato de favor.

Logo da instrución, recollida en máis de 1.300 folios, a causa foi arquivada, segundo explica o Concello de Quiroga nun comunicado, porque non foi achada "ningunha reclamación, dato concreto ou incidencia que" puidese probar "que houbo un trato de favor" cara ao familiar da persoa investigada na outra causa.

Ademais, o investigado pola xuíza Pilar de Lara recoñeceu "nas súas declaracións non ter ningunha relación co alcalde, máis aló da amizade como veciño de Quiroga", conclúe.

Comentarios