Aparece no castro de Cereixa a primeira tumba compartida

O achado de dous cranios na mesma fosa abre novas preguntas sobre o pasado do lugar
La tumba compartida por dos indiviudos en Cereixa. SANLOURENZO.NET
photo_camera La tumba compartida por dos indiviudos en Cereixa. SANLOURENZO.NET

Os arqueólogos que traballan nas escavacións do castro de San Lourenzo, situado na parroquia de Cereixa (A Pobra do Brollón), atoparon dous cranios nunha das máis de 60 tumbas que abriron e explorado. é a primeira vez que neste xacemento aparece unha fosa con caveiras de dous individuos, un feito que abre novas preguntas e hipóteses sobre o pasado da comarca.

Ata a data, todas as tumbas documentadas no castro de Cereixa consistían en inhumacións individuais. Nun dos enterramentos estudados de forma recente documentouse a presenza do esqueleto -o seu estado de conservación é malo- dun individuo. A sorpresa dos investigadores é que xusto á beira do seu cranio descansaba outro.

O técnico de cultura e turismo do Concello da Pobra do Brollón, Xosé Gago, declarou que foron trasladados a un laboratorio pola antropóloga Candela Martínez para facerlles as análises pertinentes. A partir destas indagacións aclararanse cuestións como o sexo dos individuos ou posibles marcas de enfermidades ou doenzas.

Con todo, o que máis chamou a atención dos expertos que traballan no castro é o feito de que a tumba estivese compartida por restos de dous seres humanos distintos. Segundo sinalaron desde o equipo de arqueólogos, esta práctica é moi común no cristianismo. Apártanse os ósos vellos e móvense a un recuncho para situar novos restos. Faise nos nichos feitos na terra e coñécese como enterramento secundario.

Unha das primeiras dúbidas a resolver afecta a este feito. Os investigadores tratarán de responder se a tumba en cuestión foi reutilizada e aberta para unha nova inhumación. De confirmarse esta hipótese, os arqueólogos cren que sería "a excepción que confirma a regra", pois o resto de fosas permaneceron seladas ata o inicio das investigacións en Cereixa.

Outra opción é que os enterradores baleirasen a tumba orixinal e colocasen un segundo defunto á beira do que xacía alí anteriormente. Os posibles motivos son múltiples. Por exemplo, que sexan dous seres queridos xuntos.

A terceira teoría di que o segundo cranio colocouse de forma intencionada durante o primeiro enterro. Este ritual é máis propio dos celtas e non se correspondería cun rito cristián.

Os descubridores esperan que as probas resolvan estas cuestións. Gago indicou que as análises se axilizarán a partir do mes que vén.

Comentarios