Ana Camba, trece horas de axuda desde Brollón contra o peor incendio de Galicia

Unha das encargadas da gasolineira de Repsol no municipio deu servizo durante toda a madrugada ao equipo de extinción habilitado
Ana Camba. EP
photo_camera Ana Camba. EP

Foron trece horas recargando de auga as motobombas, servindo cafés aos operarios ou botando gasóleo aos vehículos do dispositivo. Ana Camba converteuse nunha das figuras transcendentais da loita contra o incendio que se cobrou máis de 1.700 hectáreas de terreo e ameazou vivendas en Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón.

Ela é unha das encargadas neste último municipio da gasolineira de Repsol, cuxa localización en plena N-120 permitía ver con detalle como o lume reducía a cinzas todo ao seu paso. Neste punto, ao contrario que noutros máis próximos a Quiroga ou Ribas de Sil, había cobertura, polo que o equipo de extinción decidiu que fose a súa referencia para encher, adquirir auga ou, simplemente, repor forzas. E alí apareceu sempre disposta Ana Camba, entre as 22.30 horas do luns e as 11.30 do martes.

"Somos tres persoas que traballamos por quendas. Unha descansa, outra vén pola mañá e a que queda, pola tarde. Eu ese día fixera a quenda de mañá, polo que tras descansar pola tarde decidín ir axudar", destaca Ana. Habitualmente, esta estación de servizo pecha ás 23.00 horas, pero o lume obrigou a tela dispoñible toda a noite, ata o día seguinte, sen parar.

"Non pasei medo, pero si pensabamos que como o vento cambiase de dirección..."

Conta Ana Camba que desde as 6.00 horas tivo o fundamental apoio da súa compañeira Berta Valcarce. "Díxome que non podía durmir e veu", indica. Ademais, outro compañeiro, José Luís Castro, estivo con ela no lugar ata as 4.00 horas botándolle unha man. Entre os tres conseguiron que o servizo máis longo da gasolineira de Brollón cumprise con moi boa nota.

A EXPERIENCIA. "Non pasei medo porque viña todo o mundo por aquí cada certo tempo, pero si pensabamos que como o vento cambiase de dirección...", asegura Ana sobre a proximidade das chamas. "A xente que viña á estación de servizo foi a que realmente deu a vida por apagar o incendio, eu só axudei", engade.

Houbo momentos intensos, pero a encargada da gasolineira intentou non perder os nervios a pesar de todo. "Leveino ben, aínda que me preocupaba moito cando viñan recargar, preguntáballes e contestábanme: "está difícil", relata.

"A xente que viña á estación de servizo foi a que realmente deu a vida por apagar o incendio, eu só axudei"

Ao pasar pola N-120, xa ben entrada a mañá e coa choiva actuando como eficaz brigadista, aínda se vían os vehículos da Unidade Militar de Urxencias (Ume) ou a Axega parados na estación de servizo. "Déronnos as grazas pola axuda e tamén nos chamaron os nosos xefes para felicitarnos polo traballo", expresa Ana Camba, quen este mércores gozaba dun merecido descanso.

Agora a vida continuará como sempre na gasolineira da N-120 ao seu paso pola Pobra do Brollón. O lugar que hoxe dá un servizo diario a todos os viaxeiros que pasan pola zona transformouse por unhas horas no punto onde o dispositivo de extinción recargaba as súas armas e recuperaba forzas na loita contra o peor incendio da tempada en Galicia, e tamén un dos máis grandes e virulentos dos últimos anos.

DIFICULTADES. O lume ocasionou numerosos problemas non só pola masa forestal calcinada, senón tamén polo drama que supuxo para moitos veciños da comarca ver perigar as súas pertenzas.

Ocorreu, por exemplo, en Rairos, unha localidade de Ribas de Sil ao pé da N-120. Os residentes tiveron que valerse de mangueiras e cubos de auga para protexer as súas casas, rodeadas de chamas.

Comentarios