Tres alumnos da Ribeira Sacra logran unha bolsa Amancio Ortega

Cursarán primeiro de BAC en Canadá ou Estados Unidos con todos os gastos pagos

David López. TOÑO PARGA
photo_camera David López. TOÑO PARGA

Andrea Dafonte González, David López Pérez e Eva Willmott Pérez son tres dos cen alumnos galegos que o próximo curso realizarán estudos alén do Atlántico a través dun programa de bolsas da Fundación Amancio Ortega. Estarán dez meses en Canadá ou Estados Unidos, onde cursarán primeiro de BAC e vivirán cunha familia de acollida. A fundación asume todos os gastos de matrícula no High School, manutención, aloxamento ou seguro médico. Eles só terán que centrarse nos seus estudos, aínda que en todo o curso non poderán volver a casa de vacacións nin recibir visitas.

TEAU1041Andrea Dafonte estuda no centro San Tomé do Carballo de Taboada e apuntouse á convocatoria de bolsas porque lle gustan "os idiomas e viaxar, así que estiven buscando bolsas en internet para estudar fóra e atopei estas", apunta. Localizou testemuños en You Tube de bolseiros doutros anos e viu que as valoracións eran moi boas, así que non o dubidou.

Tanto ela como os demais alumnos que optaron ao programa tiveron que superar unha serie de probas de inglés. A primeira foi escrita e desprazáronse a Santiago para facela. Despois resolveron a través de Skype unha exposición oral e unha entrevista. Ademais, tivéronse en conta as notas de terceiro da Eso e a renda familiar.

Creo que será unha boa oportunidade para mellorar o meu nivel de inglés e, de cara ao futuro, a estancia pode axudarme para entrar no mercado laboral

A Andrea Dafonte pillouna por sorpresa entrar porque sabía que había miles de alumnos que optaban a unha praza (había 100 bolsas para Galicia e 500 para o resto de España). "Agora hai que rematar cuarto da Eso e despois chegará o momento de preparar todo para marchar. Creo que será unha boa oportunidade para mellorar o meu nivel de inglés e, de cara ao futuro, a estancia pode axudarme para entrar no mercado laboral porque non descarto estudar algo no ámbito dos idiomas", di. Tamén considera que é un bo momento para pór a proba a súa independencia.

A Andrea resultáballe máis atractiva a idea de viaxar a Estados Unidos pero tamén está contenta coa opción de Canadá. "Por agora só sabemos que estaremos na provincia de Ontario", dixo.

Son unha apaixonada de viaxar e de coñecer novas culturas, así que o meu plan é aproveitar cantas bolsas poida para iso

David López Pérez estuda no colexio Escolapios de Monforte e tamén viaxará a Canadá. Dálle pena pensar en que en dez meses non poderá ver os seus pero di que por iso está "a aproveitar o tempo ao máximo". Foi a súa nai a que lle falou hai algún tempo destas bolsas e este ano viu que cumpría os requisitos e non o pensou. "Creo que é unha oportunidade única poder pasar un ano no estranxeiro", di. A David as probas de acceso parecéronlle asumibles.

Agora reparte o tempo entre as clases e os adestramentos de voleibol pero tras o verán terá tamén que cruzar o charco. Aproveitará a estancia para mellorar o seu nivel de inglés, sacar adiante o curso e ir pensando cara a onde quere orientar os seus estudos "porque por agora non o teño nada claro", conclúe.

"Os exames eran alcanzables pero tamén conta a renda, polo que ao final son moitos filtros que pasar

EE UU. Eva Willmott Pérez estuda no instituto Río Cabe monfortino e estaba a esperar unha oportunidade como a da Fundación Amancio Ortega para saír a estudar ao estranxeiro. "Son unha apaixonada de viaxar e de coñecer novas culturas, así que o meu plan é aproveitar cantas bolsas poida para iso", afirma.

Foi o seu pai o que lle falou da convocatoria, que viu no xornal. "Creo que o pensou dúas veces antes de dicirmo porque sabía que me apuntaría de cabeza e, aínda que me apoia, tamén lle doe que me vaia dez meses", explica a moza.

O sorteo de destinos foi aleatorio e a Eva tocoulle Estados Unidos. Está convencida de que a experiencia será incrible e lamenta que outras compañeiras que tamén se presentaron non fosen seleccionadas. "Os exames eran alcanzables pero tamén conta a renda, polo que ao final son moitos filtros que pasar", razoa.

Comentarios