Aire antañón da Muiñeira de Chantada

A fonda cultura musical das terras chantadesas ten as súas raíces en formacións coma a dos Ferraias, que en Outeiro de Mariz crearon unha banda de 13 persoas, sete da mesma familia. Percorreron a comarca coa súa música e compuxeron a Muiñeira de Chantada, á que lle deu sona Cachafeiro
EN OUTEIRO de Mariz respirouse tanto aire solfexado na familia alcumada Os Ferraias que a finais do século XIX -1865 segundo a Banda de Música de Chantada- os irmáns Manuel e Antonio Fernández crean o embrión musical da actual Banda con 13 persoas, dos cales sete eran desta mesma familia.

Entre 1877 e 1880 o seu director foi Timoteo López. A partir de 1881 e ata 1886 pasou a dirixir Gerardo López, que continuaría no século XX entre 1901 e 1906. En 1887 tomaría substitución Modesto María Travadelo; en 1933, Teodoro Fernández -que tocaba a trompeta cunha man e coa outra movía a batuta- e finalmente antes da Guerra Civil Emilio Ledo, en 1935.

En 1887 a Banda de Música tocaría a Alborada e compartiría pasarrúas cos gaiteiros de Ribadavia. Celebrouse tamén un "certame de gaitas cun premio de 25 pesetas á quen mellor execute un aire popular ante o xurado e premio á parella que a baile mellor". O 25 de agosto de 1890 "dous certames de gaitas para os artistas da comarca e outro para os da rexión galega, amenizando os gaiteiros Ventoselas do Ribeiro". En 1891 deuse un premio en metálico á parella que mellor executase a muñeira a xuízo do público, actuando a "Banda do Carballiño dirixida por Severino González cos pasarúas e a charanga do Fontao".

A Banda de Música de Monforte, dirixida por Baldomero Latorre e a charanga Fontao estarían nas patronais de 1895, onde tamén empezaría a formarse unha masa coral entre os mozos da vila -principalmente para funcións relixiosas-. En 1896 organízase un certame musical de bailes e traxes e en 1899 actúa a Banda de Monzón (Portugal). O século XX non entrou con bo pé. Ás desanimadas festas de 1900 houbo a desgraza de que "en pleno baile na Sociedade ás doce da noite morreu repentinamente a esposa do conserxe da Tertulia".

A banda municipal con Gerardo López á fronte tocou en 1901 os acordes do pasodobre A bulla do festín, compartindo música co grupo Ventoselas en 1902 e 1904. É precisamente neste último ano onde tamén participa a banda italiana do Rexemento de Ceriñola e continúase co certame de bandas sendo "a peza de concurso o pasodobre da zarzuela A alegría da horta e unha de libre elección, adxudicarase un premio único de 75 pesetas, obrigándose a tocar durante o paseo e a iluminación do día 21".

O cura Benigno Ledo organiza os festexos en honra á Virxe de Lourdes en Argozón entre os anos 1906 e 1922. Do 11 ao 13 de outubro de 1919 cos típicos fachóns e o 12 ás seis da mañá, "a banda de música de Ferraias que dirixe. Manuel Fernández e os gaiteiros Os Amorís de San Xián de Campo, dirixidos por Jesús Amorín". En agosto de 1921 o deputado Leonardo Rodríguez é recibido coas rúas e casas engalanadas, as sociedades agrarias levando bandeiras, vitoreado por máis de 5.000 persoas e "acompañados polas gaitas do país e as bandas de Chantada, Milleiro e Ferraias". Nos festexos de Argozón de 1922 o día 8 de outubro actuaron "a banda de música de Mariz, que dirixe o popular Ferraias e gaiteiros Os Marabillas de Celanova".

SOUTELO DE MONTES. Tras gravar o seu disco coa Muñeira de Chantada (só de gaita) na ourensá Casa Regal en 1928 e pouco despois de iniciar a súa xira por América, Avelino Cachafeiro e o seu grupo Os gaiteiros de Soutelo de Montes (Pontevedra), asistiron o 2 de setembro de 1929 ás festas de San Roque no Convento, "que coa parella infantil de baile de Pontevedra, volve deleitarnos coa música galega da súa famosa e meiga gaita".

Victorino Fernández García (1880-1931. Fillo de Manuel, fundador de Os Ferraias) foi o compositor da Muñeira de Chantada, pero a Avelino Cachafeiro débeselle moito, principalmente ao internacionalizar a peza musical de Os Ferraias. Pero tamén hai que agradecer a Cachafeiro o recoñecemento público que tivo ante un xornalista da revista Vida Galega no ano 1929.

Victorino Fernández García. ARQUIVO PARDO
[Victorino Fernández García. ARQUIVO PARDO]

O ALALÁ. Xosé Lois Foxo sostén que "a Muñeira de Chantada é unha variante do antigo Alalá de Chantada". Manuel Amor Meilán escribe en 1902 que "o alalá é o máis poético e suxestivo dos cantos galegos, ese melancólico e augusto himno á noite que se achega á triste despedida ao día que se vai. Fernando Fulgosio primeiro e despois Augusto Besada popularizaron a lenda do alalá… poética e triste como o canto mesmo e cheo de melancólica dozura".

O primeiro rexistro documental sobre o Alalá de Chantada é o interpretado nas Festas de San Froilán en Lugo o 15 de outubro de 1916 polo coro da Xuventude Antoniana Cantigas e Aturuxos.

Nas festas celebradas nos xardíns A Polar en Cuba nos anos 1917 e 1918 pola Sociedade de Instrución Chantada, Carballedo e as súas Comarcas a Banda España tocou unha muiñeira descoñecida hoxe polos expertos: Muñeira Viva Chantada e ao ano seguinte a xota Os de Chantada. A mestra, escritora e xornalista Emma Calderón y de Galvez escribe desde Cádiz e publica en 1911 o conto O último gaiteiro, inspirada na poesía O Gaiteiro de X. Manuel Pintos Villar: "Ala, ala, rapaz, que a estrada é luenga e o chan un puro carril e o sol un mal amigo que a ninguén agarda!. Cámbiache de ombreiro o tamboril, se é que che pesa e aviva o de San Fernando; non se diga nunca que o Gaiteiro de Chantada chegou tarde á festa".

Comentarios