Agredidos dous homes en Monforte ao acudir desde Andalucía a recoller un coche de luxo

Roubáronlles e déronlles unha malleira nunha área de recreo próxima ao río Cabe na que foran citados

Comisaría de Monforte. ARCHIVO
photo_camera Comisaría de Monforte. ARCHIVO

Dous homes foron agredidos na localidade de Ribasaltas, nos arredores de Monforte de Lemos, cando acudían a recoller un vehículo de luxo que supostamente adquiriran por internet desde Andalucía, a súa terra de orixe. 

As vítimas do engano, que foron citadas polos seus agresores nunha área de recreo situada á beira do río Cabe, tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios do Hospital de Monforte de diversas contusións e feridas que se produciron na refrega, na que participarían persoas de etnia xitana que poderían estar xa identificadas. 

Os agresores utilizaron obxectos contundentes e incluso unha arma de fogo para amedrentar os dous homes, orixinarios da provincia de Huelva, aos que tamén roubaron o diñeiro que traían coa idea de adquirir un Porsche que fora anunciado como señuelo nunha páxina web pero que realmente non era da propiedade dos delincuentes. 

Sospéitase que os asaltantes utilizaron o mesmo modus operandi que uns veciños do próximo municipio de Sarria que, recentemente, protagonizaron un suceso de similares características. 

Os estafados acudiron a comisaría a presentar a correspondente denuncia por agresión e roubo con signos visibles da malleira recibida. De feito, polo menos un deles levaba unha rechamante vendaxe na cabeza.