jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

Agosto será o Mes do Amandi

Representantes del Concello de Sober y de la Xunta de Galicia presentaron ayer la feria del vino. EP
Representantes do Concello de Sober e da Xunta de Galicia presentaron o martes a feira do viño. EP
O Concello de Sober celebrará a feira do viño entre semana e con aforamento limitado no recinto  Durante todo o mes organizaranse xornadas, catas, concertos musicais e dúas exposicións

O Concello de Sober xa ten todo preparado para a cuadraxésimo primeira edición da Feira do Viño de Amandi, que, ademais, non virá soa, senón que estará acompañada dun programa formado por unha decena de actividades que se celebrarán ao longo do mes de agosto en honra aos caldos que se producen no municipio.

Con todo, saben que a pandemia segue aí, polo que o aforamento do recinto feiral estará limitado e será preciso dispor dunha entrada para acceder. O Concello indicará nos próximos días a forma de facerse con elas.

Os días 11 e 12 –mércores e xoves foron os elixidos para a celebración da feira, que este ano terá como invitado de honra ao Concello de Chantada. A familia de Benito Rivas Valdés, un dos cofundadores do festexo e que faleceu recentemente, será a encargada de inaugurar o programa, que continuará coa actuación da banda de música de Sober e o pregón.

A xornada do xoves comezará cos Xograres de Lemos, para pasar despois á cata dos viños que se presentan á feira, que terá lugar no centro sociocultural de Sober e correrá a cargo dun xurado profesional. Máis tarde, entregaranse os premios aos viños que resulten gañadores neste concurso. Haberá tres galardóns para os tintos do 2020, un premio para viños brancos da última anada e outro para caldos envellecidos en barrica.

Ao longo do mes de agosto, desenvolveranse as diferentes actividades do programa do Mes do Amandi, comezando xa o vindeiro martes cunhas xornadas técnicas sobre a planificación e deseño de plantacións de castiñeiros. Despois chegarán unha cata comentada de viños rosados da subzona de Amandi, a actividade Xantar&Maridaxe e un relatorio sobre nocións básicas de cata e diferenzas entre as variedades galegas. Estas dúas últimas estarán impartidas polas catadoras Elisabet Castro e Isabel Lozano, respectivamente.

A música será outro elemento que terá un peso importante no programa anunciado, cos concertos do grupo saviñao Gin Toni's, a banda de música de Muimenta e a banda de Sober, que terán lugar os días 18, 21 e 27, respectivamente.

Carteis | O concurso contou con 40 propostas
Durante todo o mes de agosto poderase visitar unha exposición no centro sociocultural da vila con todas as propostas presentadas ao concurso de carteis desta edición da Feira do Viño de Amandi. Son un total de 40 traballos chegados desde diferentes puntos de Galicia e España.

O cartel realizado por Eduardo Pérez, de Vilalba, no que se poden ver varias botellas e copas que parecen estar en movemento, foi o elixido polo xurado, que tamén quixo distinguir outras catro obras. Ademais, outra mostra, neste caso en ofíciaa de turismo, permitirá ver todo o material atopado nas escavacións de Proendos.

PRESENTACIÓN. A feira do viño foi presentada este martes nun acto no que participaron o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e a parlamentaria Raquel Arias.

Agosto será o Mes do Amandi
comentarios