A AECC decora fiestras e balcóns con panos verdes na súa estrea en Monforte

O obxectivo do colectivo é visibilizar a loita contra o cancro e manter intacto o espírito das patronais
photo_camera A delegación do sur de Lugo da Apehl uniuse á iniciativa. EP

A asociación española contra o cancro (AECC) conta desde este ano cunha sede en Monforte e o seu primeiro acto nas rúas desenvolveuse nunha semana que tería que ser de festas. Fiestras e balcóns adornáronse con panos verdes para visibilizar a loita contra a enfermidade e manter o espírito conmemorativo das patronais.

A asociación vendeu todas as pañoletas que puxo a disposición do público, que reaccionou moi ben a unha iniciativa simbólica á que se sumou, por exemplo, a asociación provincial de hostaleiros de Lugo (Apehl). Cada pano tiña un prezo de cinco euros. A recadación irá parar á AECC.

"É o primeiro ano que se fai e nesta ocasión só en Monforte se levou a cabo unha actividade como esta" ,conta a psicóloga da sede monfortina da AECC, Arantxa Vidal.

A idea é que os panos permanezan nas fiestras e balcóns da cidade do Cabe ata o día que suporía o final das festas, aínda que hai plena liberdade para mantelos.

Desde a AECC esperan que esta sexa a primeira de moitas actividades cuxo fin é dar visibilidade a unha terrible enfermidade que padecen cada día millóns de persoas en España e no mundo.

A sede inaugurouse en xaneiro e freouna o Covid
A sede monfortina da AECC comezou a funcionar o pasado xaneiro. Entón presentou no hospital comarcal o carriño Don Amable, un servizo gratuíto de apoio aos pacientes oncolóxicos e aos seus familiares. O inicio da pandemia de Covid-19 e o confinamento limitaron a actividade a sesións e asistencias telemáticas.

Setembro
A AECC ten pensado desenvolver varias xornadas o mes que vén. Entre os seus proxectos hai un taller de gancho programado para o 15 de setembro.

Comentarios