Adif destina 28,8 millóns para renovar a vía da liña Ourense-Monforte

Optimizaranse as condicións de explotación deste trazado de 46 quilómetros de lonxitude
Vía Ourense-Monforte. EP
photo_camera Vía Ourense-Monforte. EP

Adif renovará a vía do ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos, de 46 quilómetros de lonxitude, para o que investirá 28,8 millóns euros. Segundo informa a compañía nun comunicado, esta actuación ten o obxectivo de optimizar "a fiabilidade deste trazado e as súas condicións de circulación". O contrato de obras para renovar este tramo adxudicouse á unión temporal de empresas (UTE) formada por Cosfesa, Copasa e Convensa. 

As obras, que contan cun prazo de execución de 23 meses, suporán renovar os distintos elementos da vía, como é o balasto e as travesas de formigón que non sexan polivalentes. Tamén se substituirán os desvíos por outros máis evolucionados e o carril existente por outro de maiores prestacións. 

Dado que os traballos abarcan aos diferentes elementos de vía (balasto, carril, travesas e aparellos de vía), habilitouse como base principal de provisión de materiais un punto no porto seco de Monforte de Lemos, ao norte da estación monfortina. Ademais, haberá unha segunda zona de provisión, con descargadero de balasto en Ourense, e outros puntos de menor tamaño ao longo do percorrido. 

Esta obra forma parte das actuacións de mellora que Adif leva a cabo no trazado Ourense-Monforte de Lemos-Lugo co obxectivo cumprir os seus compromisos coa optimización das condicións de explotación comercial desta infraestrutura en parámetros como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe. 

Comentarios