Nove das 97 adegas da Ribeira Sacra xa finalizaron a vendima

O consello regulador da denominación de orixe destaca que a cantidade e calidade da uva é óptima
Un vendimiador trabajando en la Adega Algueira, una bodega de propiedad familiar ubicada en las montañas de la Ribeira Sacra. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Un vendimador traballando na Ribeira Sacra. ELISEO TRIGO (EFE)

As adegas que xa iniciaron a vendima deste ano nos viñedos amparados pola denominación de orixe Ribeira Sacra recolleron xa 1.341.382 quilos de uva, máis da metade da variedade preferente mencía, en concreto, 749.319 quilos. De acordo coa información facilitada polo consello regulador, ás portas deste último fin de semana de setembro, das 97 adegas que realizan a vendima nesta campaña ao amparo da denominación de orixe, 9 completaron xa os traballos e outras 63 están aínda niso. 

Outras seis adegas teñen a vendima paralizada neste momento e 19 delas aínda non comezaron os labores de colleita desta campaña. O ano pasado, a estas alturas da campaña de recollida, 58 adegas xa completaran os traballos de vendima.

O consello regulador destaca a cantidade de godello que se leva recollida, 377.533 quilos, que "supera as cifras da pasada campaña por estas datas". 

Lamenta o órgano reitor que "viticultores e adegueiros seguen enfrontándose a unha climatoloxía caprichosa", pero que de momento "non interfere na calidade e estado sanitario da uva, que segue entrando en adega en estado óptimo".

Comentarios