
Unha cidadá colombiana e os seus dous fillos aceptaron, na vista celebrada este martes na Audiencia Provincial de Lugo, unha condena en total de seis anos e medio de prisión por trapichear con cocaína no bar que rexentaban en Monforte de Lemos.
O ministerio fiscal pedía inicialmente sete anos de prisión para cada un dos acusados, pero rebaixou substancialmente esa solicitude de pena ao aplicarlles as atenuantes de dilacións indebidas e de someterse a tratamentos de desintoxicación.
A Audiencia Provincial impón así á nai unha condena dun ano e medio de prisión por un delito contra a saúde pública e un ano máis a cada un dos seus dous fillos, así como unha multa de 1.000 euros a cada procesado.
A Policía Nacional levou a cabo a redada que culminou coa detención destes tres familiares entre outubro e novembro de 2017, tras seguirlle a pista a varios clientes que acudían asiduamente a este bar monfortino para adquirir a droga.
A droga que foi incautada achouse nos domicilios dos dous irmáns
Aínda que a transacción realizábase no interior do establecemento de hostalería ou nos coches dos clientes, que aparcaban ás portas do mesmo, os acusados dirixíanse previamente aos seus domicilios, que atopábanse a poucos metros de distancia na mesma rúa, porque era onde adoitaban ocultar as sustancias estupefacientes.
REXISTROS. A mediados de novembro de 2017 o xulgado de instrución número 2 de Monforte de Lemos autorizaba a entrada e rexistro tanto no bar como nos tres pisos nos que vivían os procesados.
A droga que foi incautada achouse nos domicilios dos dous irmáns, onde tamén se atoparon tanto útiles como sustancias para manipulala, non no establecemento de hostalería. Mentres, na vivenda da matriarca os investigadores localizaron bolsas transparentes de peche metálico nas que adoitaban envasar a cocaína para entregarlla aos seus clientes.
A cocaína intervida polos axentes da Policía Nacional tiña unha riqueza de principio activo que oscilaba entre o 37,8% e o 80,4%.