Abre ao tráfico o primeiro tramo da autovía A-56, que unirá Lugo e Ourense 

A Barrela e San Martiño están xa conectados pola nova estrada
Inauguración del tramo. EUROPA PRESS
photo_camera Inauguración do tramo. MIGUEL PIÑEIRO

O secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, participaron este mércores na apertura do primeiro tramo da autovía A-56 Lugo-Ourense, o que discorre entre A Barrela, en Lugo, e San Martiño (Ourense). 

Durante o acto, Vázquez Torrón recoñeceu "o traballo de todas as administracións" implicadas no proxecto desta autovía, iniciado fai 15 anos, e sinalou esta apertura como "un sinal" da relevancia que para o Goberno ten "todo o que representa a Galicia interior". 

"En Galicia, os proxectos van seguir adiante e, sobre todo, os feitos e o investimento", declarou, en referencia ao investimento na rede viaria e, de forma paralela, á vinculada ao ferrocarril. 

Pola súa banda, Javier Losada, que recordou o "compromiso" deste ministerio con Galicia, destacou a importancia desta infraestrutura para a mellora da seguridade viaria e a articulación interior da comunidade.

Vertebrar o interior

A autovía A-56, sensiblemente paralela á N-540 e ao Eixo Atlántico da AP-9, permitirá "cohesionar e vertebrar territorialmente a Galicia interior", destaca o ministerio, canalizando parte dos tráficos con orixe ou destino cara a Portugal e ao sur de Galicia desde o corredor Cantábrico (A-8). Supón ademais, "unha importante mellora da accesibilidade á Rede de Autovías e Autoestradas para a Galicia interior, con problemas de regresión demográfica", explicita o Goberno. 

O tramo que se pon en servizo (A Barrela (Lugo)- San Martiño (Ourense)), permitirá conectar a través dos nós da Barrela e As Lamas coas estradas autonómicas LU-901 e OU-901 no límite das provincias de Lugo e Ourense, enlazando a A-56 co eixo de comunicación denominado 'Eixo do Ribeiro', cara a Cea, O Carballiño e a AG-53. 

O tramo ten unha lonxitude total de 8,8 quilómetros, dos que 8,3 discorren pola provincia de Lugo. O investimento total foi de 54,8 millóns de euros (39 millóns correspondentes ás obras, 13,6 ás expropiacións e 2,2 millóns de euros ás asistencias técnicas de redacción de proxecto, control e vixilancia das obras, seguridade e saúde e medio ambiente). 

Comentarios