Ábrese o prazo para reservar as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

Desde este venres xa se poden facer a reservar para as rutas fluviais polo Miño e o Sil
Un catamarán en Doade. TOÑO PARGA
photo_camera Un catamarán en Doade. TOÑO PARGA

A Deputación de Lugo abriu este venres o prazo para formalizar reservas para as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, concretamente polos canóns dos ríos Miño e Sil, que comezarán na primavera, o próximo 4 de abril -o sábado anterior á Semana Santa-.

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recordou que todas aquelas persoas interesadas en participar nesas rutas polos ríos Miño e Sil poderán facer uso a partir deste venres da Central de Reservas habilitada pola Deputación de Lugo para reservar praza, comprar billetes ou solicitar información.

De feito, os usuarios poden facer a reserva a través de internet na reservas.rutasembalses.es mediante un correo electrónico á dirección [email protected] ou cunha chamada ao teléfono 982 260 196 en horario de mañá.

Pilar García Porto recordou que o número de usuarios das rutas fluviais habilitadas pola Deputación na Ribeira Sacra “segue crecendo”. Na tempada correspondente ao ano 2019, o número de viaxeiros subiu nun 5%, cunha cifra total de visitantes que se achegou ás 62.000 persoas.