Abre en Meiraos o primeiro centro adicado a explicar as covas do Courel

A inversión para poñelo en marcha ascendeu a 75.000 euros e nas súas salas hai distintas tecnoloxías que permiten ver, tocar e comprobar como son as cavidades e o seu interior

Alemparte explica aos políticos unha das ferramentas do museo. EP
photo_camera Alemparte explica aos políticos unha das ferramentas do museo. EP

O primeiro Centro de Interpretación das Covas do Courel abriu este sábado as súas portas emprazado nun antigo local social rehabilitado na parroquia de Meiraos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa do Courel, Lola Castro, e doutras autoridades, foron os encargados de inaugurar na mañá do sábado as instalacións.

O proxecto fíxose realidade tras acadar o compromiso e apoio de distintas administracións que permitiron achegar un investimento total de 75.000 euros dos que 40.000 euros procederon dun convenio de colaboración asinado coa Consellería de Cultura e Educación e Agader, 24.000 correron a cargo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da zona e a cantidade restante procede directamente de fondos públicos municipais achegados polo propio Concello.

Lola Castro avanzou que o Concello está traballando na organización dunhas xornadas de portas abertas

O Centro de Interpretación das Covas do Courel pretende ser un recurso turístico de primeira magnitude que non só poña en valor o rural da zona, senón que contribúa á impulsar a actividade comercial e o emprego desta localidade, grazas á chegada de visitantes e especialistas interesados en coñecer este patrimonio natural.

CARACTERÍSTICAS. O museo dispón dun total de 160 metros cadrados repartidos en dúas plantas. Na primera planta está a recepción e dúas salas. A planta alta está distribuida en catro espazos diferenciados.

As instalacións, totalmente rehabilitadas para este novo fin, serven de contedor dunha multitude de información sobre as características, historia e curiosidades das cavidades das montañas do Courel.

Así pode verse, tocarse e comprobar, con distintos elementos e tecnoloxías audiovisuais, como se formaron as covas, a bioloxía presente nas mesmas (distintas especies animais e vexetais), a descrición do seu valor paleontolóxico e arqueolóxico e, finalmente, unha visión das mesmas cavidades desde o punto de vista da espeleoloxía e o acceso a través dos barrancos.

"O estudo destas covas, das súas pegadas, a interpretación de toda esta riqueza, os misterios que aínda agochan, son novas razóns que nos invitan a descubrir esta terra, un dos espazos máis impresionantes que o home ou a muller puido imaxinar" explicou no acto inaugural José Manuel Balseiro.

XEOPARQUE. O delegado da Xunta tamén destacou a importancia deste novo recurso para completar unha rede de centros que ten por obxecto dar a coñecer o inmenso tesouro natural que hai na zona e, en particular, que aspira a recibir o recoñecemento mundial como xeoparque da Unesco. Así, ao centro de interpretación de Meiraos súmaselle o museo etnográfico de Quiroga e o centro de interpretación de Ribas de Sil.

Pola súa banda a alcaldesa, Lola Castro, avanzou que o Concello está traballando na organización dunhas xornadas de portas abertas que se anunciarán nas vindeiras datas e que permitirán a todos os veciños do xeoparque (Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga) e a todos os que estean interesados en achegarse, coñecer, difundir e promocionar as covas que agochan as montañas.

No acto celebrado este sábado, ademais do delegado territorial da Xunta e da alcaldesa, tamén estivo presente o secretario xeral de Agader, Severino Álvarez e Martín Alemparte, xerente do GDR da Ribeira Sacra.

Comentarios