"Moi agradecidos pola atención que se recibiu por parte dos medios de emerxencias e polo bo facer da condutora do autobús". Son as palabras de Manuel López Armesto, veciño de Rubián, e o pai da noiva que casou o sábado e cuxos invitados víronse implicados nun accidente de bus, ocorrido no corredor a Sarria, cando regresaban ao hotel despois do banquete.
Manuel López leva desde a mañá do domingo sen parar axudando na atención das 18 persoas que aquel día viaxaban no bus e das que doce resultaron feridas o sinistro. Agora, quere agradecer de xeito público a sanitarios, bombeiros, axentes da Garda Civil e persoal de hospitais o trato recibido. "Foi rápido, eficaz e moi delicado en todo momento. Os afectados están agradecidos e impresionados polo apoio que tiveron nesta dura experiencia", explica. Asegura que o quere facer público porque "moitas veces cando pasa algo sempre oes que os medios tardaron en chegar, pero eu teño que defendelos porque o seu traballo foi impecable".
Manuel López acababa de chegar a súa casa de Rubián cando desde empresas Álvarez chamáronlle para avisarlle que un dos dous buses que se contrataron para facer o servizo da voda sufrira un accidente. O responsable da empresa xa lle advertía de que había unha persoa falecida, que era o condutor do turismo, e que os pasaxeiros do bus sobreviviran todos.
Saíu de inmediato ata o punto do accidente, moi próximo a súa vivenda. "Non tardei máis de 15 minutos dende que soou o teléfono ata que cheguei alí" e en canto achegouse xa viu que o operativo estaba montado. "Xa había varias ambulancias, patrullas de tráfico e bombeiros. De feito, cando cheguei e vin tantos medios pensei: enganáronme e aquí hai máis mortos. Dez minutos despois tamén chegaba o helicóptero que levaba o ferido que parecía máis grave para Santiago", conta o home.
A impresión que ten deses primeiros minutos "é de moitos nervios pero tamén de que me invadiu certa traquilidade cando vin que estaban atendendo xa a todo o mundo", insiste. "A gran pena que temos é que non se poidese salvar a vida do rapaz do coche, a pesar de todos os esforzos dos medios desprazados", engade.
O home ten tamén palabras de ánimo para a condutora do autobús. Os viaxeiros explicáronlle que a súa pericia evitara unha traxedia maior. Os que ían atentos á estrada viron que a moi pouca distancia do bus un coche invadía o seu carril. Ao parecer foi de xeito brusco. "Ela reduciu a velocidade e apartou o que puido, pero non logrou esquivalo", conclúe.
A maioría dos feridos xa están en Barcelona