Prisión provisional e sen fianza para o presunto parricida de Moraña

David Oubel, que se acolleu ao seu dereito a non declarar nos xulgados de Caldas, está imputado polo asasinato das súas dúas fillas, de catro e nove anos

A xuíza decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para David Oubel, o presunto parricida que este venres supostamente asasinou ás súas dúas fillas de 4 e 9 anos de idade en Moraña.

A responsable do xulgado mixto número 1 de Caldas adoptou esta decisión, na liña coa medida solicitada polo fiscal do caso. Ao detido impútanselle dous delitos de asasinato e foi conducido á prisión da Lama.

O detido chegou este sábado, pasadas as 12.30 horas, ao xulgado mixto número un de Caldas de Reis, no que se viviron momentos de gran tensión e onde permaneceu ata preto das 17.00 horas da tarde, e iso a pesar de que se acolleu ao seu dereito a non declarar.

Á súa saída de dependencias xudiciais para ser trasladado ao cárcere da Lama foi necesario un forte dispositivo policial polas escenas de tensión vividas coas decenas de veciños alí presentes.

O suposto culpable destes crimes accedeu esta mañá ao edificio xudicial nun coche camuflado da Garda Civil, escoltado por varios axentes que o trasladaron desde a Comandancia de Pontevedra.

Un centenar de veciños agardaba xa nese momento ao vehículo policial que o transportaba, nos arredores do xulgado.

O motivo: recibir ao presunto autor do parricidio con berros de "asasino", "fillo de puta", "lercha" e ímoste a matar a ti".

No xulgado vivíronse momentos de ira e nerviosismo e as forzas de seguridade víronse obrigadas a intervir, xa que varias persoas intentaron saltar o cordón policial que se fixou e, incluso, chegaron a encararse cos gardas civís.

O presunto autor destes crimes tiña que entregar xustamente este sábado ás dúas nenas á súa nai, Rocío V., da que se atopaba divorciado desde facía máis dun ano.

Non consta que o outrora marido desta muller teña antecedentes por violencia no ámbito doméstico nin tampouco que sobre el pese orde de afastamento algunha con respecto a ninguén, sinalaron as fontes relacionadas con esta investigación.

A Garda Civil atopou este venres a David Oubel encerrado no baño cando, tras ser alertados, os axentes presentáronse no domicilio onde as menores poderían ter morto degoladas cunha radial, segundo apuntaron fontes próximas ao caso.

O suposto responsable destas mortes violentas rexenta unha inmobiliaria, Gaubica, situada en Caldas de Reis, xunto á súa irmá.

As nenas vivían coa súa nai no centro urbano de Moraña, en Santa Lucía, e a vida deixárona a tres quilómetros deste lugar, no Casal, onde se atopaban, posto que estaban a pasar co pai o período que a el lle pertencía segundo o acordo que tiñan.

O Concello de Moraña  decretou a pasada tarde nun pleno extraordinario tres días de loito tras esta xornada fatídica e de desazón.

O suceso conmocionou ao pequeno pobo de Moraña, onde a familia das dúas vítimas era moi coñecida, así como as pequenas. 

Comentarios