Silva celebra que se recuperou a "dignidade" na Deputación

A presidenta da entidade provincial remarcou que na etapa de Louzán había "dúas portas": "unha aberta para os amigos e outra pechada para quen non o eran"
Carmela Silva
photo_camera Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, celebrou este venres que transcorridos dous anos de mandato baixo o goberno bipartito de PSdeG e BNG a institución provincial recuperou a "dignidade".


Nun acto ao que asistiron alcaldes da provincia, Silva congratulouse de que en dous anos o goberno que preside sexa capaz de darlle "a volta como un calcetín" á institución, que deixou atrás, dixo, a súa "imaxe arbitraria, rancia e decadente".

Unha etapa, baixo a presidencia do popular Rafael Louzán, na que, recalcou Silva, había "dúas portas" na Deputación de Pontevedra: "unha aberta para os amigos e outra pechada para quen non o eran".

Precisamente a lema do acto de balance deste venres era o de "máis equidade e máis transparencia", e durante a súa intervención, Silva fixo fincapé na importancia de acabar cos privilexios na repartición de subvencións.

Silva agradeceu a colaboración dos alcaldes e resaltou que o goberno bipartito funciona como un bloque, sen fisuras.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, destacou pola súa banda que unha das cousas das que se senten máis orgullosos é que as "protestas" que soportaron ante "cada privilexio" que decidiron eliminar "non nos cambiou a folla de ruta".

No repaso á acción do goberno provincial durante os dous primeiros anos de mandato, Carmela Silva salientou que a Deputación destina aos municipios da provincia 67,69 millóns de euros, máis do 40% do seu orzamento.

Tamén destacou a liña de créditos sen intereses para municipios de menos de 50.000 habitantes, o plan de soporte informático para a implantación da chamada administración electrónica e para o tratamento e xestión de residuos e para a subministración de composteras.

Recalcou que a pesar de non ter competencias directas, a Deputación de Pontevedra destinou máis de 13 millóns de euros e xerou 2.414 empregos e inserción laboral, ademais de 500 bolsas de prácticas en administracións e empresas.

Neste ámbito aludiu tamén ao programa 'Smartpeme' de apoio a empresas e autónomos para o seu desenvolvemento económico a través do TIC, á parte da aposta polos polígonos de Barro e Lalín.

Silva repasou os convenios asinados con confrarías e cooperativas agrícolas e a liña de subvencións para a creación de parques forestais.

En materia de igualdade, dixo que cando accederon ao goberno tiveron que empezar de cero e que se trata doutra das prioridades do goberno provincial, á que se dedica un millón de euros en diferentes programas.

Tamén puxo o foco nos 4,5 millóns de euros destinados á promoción turística do destino Rías Baixas, e idéntica cantidade ao ámbito deportivo. 

Comentarios