A Deputación incentiva a compostaxe con dúas novas liñas de axudas

Convoca unha liña de subvencións para que os concellos elaboren un plan de residuos e outra de 1.150.000 euros para a adquisición de composteros individuais e comunitarios
Compostero comunitario, de seis módulos, ubicado en Monte Porreiro
photo_camera Compostero comunitario, de seis módulos, ubicado en Monte Porreiro

A Deputación de Pontevedra remitiu unha comunicación a todos os concellos da provincia na que se lles informa da proposta dunha liña de axudas para abordar a realización dun plan municipal de residuos baseado na compostaxe e, doutra, a adquisición de composteros individuais e comunitarios. O vicepresidente da institución, César Mosquera, anunciou este martes que o ente provincial tamén informou os concellos para que fagan achegas e suxestións ás medidas previstas na fase de consolidación do Plan Compost Revitaliza.

A idea é, segundo explicou Mosquera, "dar un paso adiante e dotar este plan dun marco máis estable e poder facer unha previsión realista dos medios" que precisarán. Estas medidas inclúen unha fórmula de adhesión ao plan, cun protocolo de actuación que inclúe un "compromiso básico" por parte dos concellos para reducir e compostar a maioría da materia orgánica que se produce en cada municipio nun período de catro anos.


Tamén se incluíu unha convocatoria de cursos de formación dirixida a traballadores municipais ou de concesionarias do servizo de residuos domiciliarios


Segundo sostivo Mosquera, o obxectivo non é tanto o de establecer unha fórmula xurídica como tal, senón o de "poder facer unha previsión realista dos medios humanos que precisaremos para atender aos concellos con solvencia", e tamén dos fondos económicos que se necesitarán. Nunha rolda de prensa celebrada este martes no Pazo Provincial, o vicepresidente dixo que "segundo a lexislación" é obrigatorio facer un Plan Municipal de Residuos, que se encargarán de redactar os "mestres composteros"

Para a adquisición de composteros destinaranse aproximadamente 1.150.000 euros, co obxectivo de posibilitar que a posta en marcha do novo sistema de tratamento de residuos baseado na compostaxe, e incluiría o material complementario necesario para o seu bo funcionamento. Ademais, tamén se incluíu unha convocatoria de cursos de formación dirixida a traballadores municipais ou de empresas concesionarias do servizo de residuos domiciliarios.

"Unha batería de iniciativas coas que impulsaremos con todos os medios, humanos e económicos, que os concellos se somen ao plan", concluíu César Mosquera.

Comentarios