A Deputación organiza o día 29 unha xornada de sensibilización os refuxiados en Europa

"Desde aquí queremos facer un chamamento ás institucións europeas para que, desde unha posición humanitaria, proporcionen acollida ás persoas que foxen da guerra e da miseria", declarou Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra acollerá o próximo 29 de abril a xornada Na procura de refuxio, coa intención de sensibilizar a cidadanía sobre a dramática situación que están a vivir as miles de persoas refuxiadas que se desprazan cara a Europa, fuxindo de diferentes conflitos bélicos, principalmente de Siria.

"Ante a maior crise humanitaria do noso tempo, a Deputación ten o deber ético e moral de non mirar para outro lado", sinalou este martes a presidenta provincial, Carmela Silva, nunha rolda de prensa. "Desde aquí queremos facer un chamamento ás institucións europeas para que, desde unha posición humanitaria, proporcionen acollida ás persoas que foxen da guerra e da miseria", indicou.

Para facilitar a comprensión do que está a ocorrer á cidadanía, a xornada de sensibilización exporá as experiencias "en primeira persoa" de galegos, profesionais e institucións que visitaron a zona. As diferentes charlas e debates están organizadas en tres bloques temáticos, todos eles con asistencia libre ata completar aforamento.

A programación iniciarase ás 9.00 horas co bloque dedicado á ONG coa intervención da responsable de Unicef Galicia, Gloria González, que falará sobre os nenos perdidos nas fronteiras europeas. A continuación, a responsable de Médicos Sen Fronteiras en Galicia, María Díaz, detallará o traballo asistencial da súa organización coas persoas refuxiadas e, finalmente, Natalia Monxe, responsable de comunicación de Ecos del Sur, falará sobre o dereito e a atención das persoas refuxiadas na comunidade galega.

O segundo bloque dedicado ao voluntariado terá lugar a partir das 11.30 horas, cun coloquio de galegos solidarios. Neste contexto, participarán Peter Punk, de Pallasos en Rebeldía –desprazado ao campo de refuxiados de Idomeni–, Celia López, voluntaria en Lesbos, e Javier Losada, gardacostas da Pesca I e desprazado ao mar Exeo.

O seguinte tema ocuparase da cobertura mediática e o uso de novas ferramentas de comunicación e abordarase mediante unha mesa redonda, que se iniciará ás 12.30 horas coa intervención de Nour Al-Hussen Vila, politóloga galega-siria, José Luís Barreiro, xornalista e responsable de comunicación da ONG Entreculturas de Vigo, Cristian López, xornalista freelance, e Héctor Ortega, licenciado en Dereito.

EXPOSICIÓN. A xornada pecharase ás 13.30 coa presentación da exposición fotográfica Exodus: o drama dos refuxiados en Europa, que se exhibirá na entrada do Pazo da Deputación de Pontevedra ata o 31 de maio.

A mostra, que se trasladará a todos os concellos que así o demanden, está composta de imaxes tomadas polos fotoperiodistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre setembro e outubro do ano pasado, e reflicte as vivencias das persoas refuxiadas na súa viaxe polos Balcáns e Lesbos.

Segundo a Organización Internacional para Migracións, no 2015 chegaron a Europa 1,2 millóns de refuxiados e preto de 3.000 persoas faleceron no Mediterráneo durante o éxodo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, referiuse a estas cifras para esixirlles aos gobernos de España e da Xunta que promovan "medidas reais" de acollida ás persoas refuxiadas.

Comentarios