Campañó, Marcón e Xeve, obxectivo das últimas obras no rural

O contrato de sostemento dos espazos públicos rurais ten un custe global de 1,08 millóns de euros para un prazo de 3 anos

O departamento do rural que xestionan os concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña segue adiante coa mellora das vías e dos espazos públicos nas 15 parroquias do rural ás portas da primavera. Nestas semanas os traballos máis salientables centráronse nas parroquias de Campañó, Marcón e de Santa María de Xeve.

No caso da parroquia de Santa María de Xeve, fíxose unha mellora no acceso ao novo campo de fútbol xa que, debido á chuvia do inverno, estaba moi deteriorado. A intervención foi en xabre e con carácter provisional ata que se faga unha actuación permanente.

No lugar do Ribeiro, na parroquia de Campañó, estase a mellorar a rede de pluviais, que supón a rehabilitación superficial do firme e o balizamento da vía do Ribeiro ata A Bouza. Este investimento é de 48.099,63 euros.

Tamén se mellorou a rede de pluviais no núcleo de Pintos, na parroquia de Marcón, que supuxo, tamén, a rehabilitación superficial de todo o firme e o arranxo de drenaxes. O investimento foi de 48.000,03 euros.

A Concellaría está a realizar as melloras con fondos do contrato de sostemento dos espazos públicos rurais que supera o millón de euros de investimento; así como con partidas por fóra deste contrato como no caso de Campañó ou Marcón que se achegaron aos 100.000 euros no seu conxunto.

O contrato de sostemento dos espazos públicos rurais ten un custe global de 1.082.948,79 euros para un prazo de 3 anos e foi adxudicado á empresa pontevedresa E.C.Casas. Ten por obxecto actuar con rapidez, precisión e eficacia en pequenas incidencias e reparacións, que aínda que pola súa envergadura poidan non parecer importantes, repercuten no día a día dos veciños e veciñas das parroquias como puido ser o caso do acceso ao campo de fútbol de Santa María de Xeve.

Con cargo a este contrato, neste momento execútanse traballos en todas as parroquias como bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.

Comentarios