Os grupos con representación no Concello de Pontevedra, BNG, PP, PSOE, Marea e Ciudadanos, acordaron por unanimidade retirar a medalla de ouro da cidade a Francisco Franco.
Os grupos aprobaron a moción na comisión municipal de Cultura, e agora terá que ser ratificada no Pleno.
A concesión da medalla a Franco decidiuse en 1944, por mor dunha visita súa á cidade, cando o alcalde era Luis Ponce de León.
En letra caligrafiada e con repetidas referencias a España e a Falanxe, o documento permaneceu semioculto nos arquivos municipais.
Só se empezou a buscar activamente a partir do ano pasado, cando o Concello acordou homenaxear aos funcionarios municipais represaliados polo réxime fascista, segundo sinala unha portavoz municipal.
Tras aquela visita de Franco á cidade do Lérez decidiuse tamén colocar unha placa de recoñecemento no consistorio, que se retirou xa en 2000, e cuxo oco disimulan agora unhas plantas.
A retirada da medalla é un dos primeiros actos simbólicos de cara a 2016, que o Concello quere dedicar ás vítimas da represión franquista, en especial as mulleres.
Pontevedra retirará a Medalla de Ouro da Cidade a Franco
A comisión de Cultura aprobou por unanimidade a iniciativa que levará ao Pleno municipal o vindeiro luns