As zocas que manteñen vivo un oficio

Gonzalo Teijeiro (Foto: José Ángel Díaz)
photo_camera Gonzalo Teijeiro (Foto: José Ángel Díaz)

AS ZOCAS de risco de roda son pouco coñecidas neste calzado de orixes incertas que se fixo dende tempos inmemoriais con pau de abidueira e ameneiro. Xa rematada a Guerra, Gonzalo comenzou a furar nas zocas, con toda a dificultade que entrañaba para un neno esta difícil tarefa, máis propia dun adulto con bo pulso nas mans. Pasaron os anos e el facía zocas, que logo se levaban en sacos na línea que ía cara Lugo. Pero das de risco de roda ían poucas dentro, porque daban moito traballo, xa que había que afumalas con xestas que se secaban no forno do pan e tamén con casca de abidueira ata tinguilas de negro, e botarlles cera de abella despois de riscalas, para seren usadas nas hortas de Lugo polas señoras que mercaban as mellor feitiñas. Nos 80 Gonzalo deixou de vender zocas para Lugo e só facía das brancas para él e os achegados, pero de cando en vez facía algunha zoquiña pequeña de risco de roda, e xa despois dende que vendeu as vacas e a cota, puxo o cadeixo a traballar e a facer zocas pequenas e grandes de risco de roda, pero agora xa non van para Lugo na línea, xa que ou ben as vende, de vez en cando, ou ben, van parar a mans de quen o aprecia, porque o día que Gonzalo falte, ninguén fará zocas de risco de roda.

.

Comentarios