A zapatilla e o cinto

AS NAIS de hai sesenta anos ameazaban aos seus fillos pequenos para reprendelos cando facían algunha trasnada con petarlles no cu utilizando unha zapatilla, e ás veces mesmo chegaban a cumprir a ameaza. Os pais, que case sempre se reservaban para corrixir as fallas consideradas máis graves e perpetradas polos cativos de máis idade, utilizaban para o mesmo fin o cinto de coiro co que axustaban o pantalón e manexándoo a modo de doloroso azoute, polo xeral contra a mesma parte do corpo do transgresor. En realidade tanto a zapatilla como a correa funcionaban moitas veces máis como elemento disuasorio que como ferramenta de castigo e a señora facendo ademán de descalzar un pé ou o aceno do home botando man á fibela para desprender o cinto non ían, en ocasións, máis aló da linguaxe dos xestos, convencidos os encargados de endereitar a conduta do culpado de que con iso abondaba para que este se soubese reprendido. Claro que, desafortunadamente, non sempre era así e, dependendo da gravidade da transgresión e, sobre todo, da condición de quen propinaba o castigo, había cativos condenados a sufrir a brutal violencia dalgún auténtico animal con roupa, covardemente amparado nun suposto exercicio da chamada patria potestade.

Falei, até o de agora, soamente de nenos e non quixera que se me acusase de utilizar esa linguaxe sexista da que tanto se fala nestes últimos tempos. A verdade é que é moi probable que tamén as nenas estivesen expostas a un trato máis ou menos semellante ao dos cativos e que se procurase facelo moito menos visible aos ollos da xente de maneira que puidese parecer que non o había. Se cadra por iso non son capaz de entender que haxa quen pretenda xustificar nalgunha medida o comportamento desconsiderado, machista e violento que o que fora presidente da Asociación da Prensa de Granada demostrou no -fracasado- intento de reprimir a protesta coa que unhas poucas rapazas interrompían un acto no que el interviña, dicindo que a súa posterior renuncia ao cargo evidencia unha actitude que ‘o honra’, cando non fai senón o que non lle queda máis remedio que facer despois do que pasou e o que, estou convencido, lle demandaron os membros da comunidade que el presidía.

Comprendo que nun país onde, a diferenza do que non hai moito viamos, por exemplo, no Reino Unido e en Alemaña, a dimisión dun cargo público, por xustificada que estea, resulta tan sumamente rara que cando se produce chama de tal modo a atención que, para algúns, mesmo chega a parecer mérito de quen se ve na obriga de presentala cando iso é o mínimo esixible aos que non son quen de estar onde están coa dignidade que corresponde.

O cinto e a zapatilla.

Comentarios