A XXXI Romaxe de Crentes Galegos chega á Pastoriza

Asistentes a la Romaxe de Moaña (Foto: <i>Irimia</i>)
photo_camera Asistentes a la Romaxe de Moaña (Foto: Irimia)

A Pastoriza acolle este sábado, 13 de setembro, a trixésima primeira Romaxe de Crentes Galegos, organizada pola asociación Irimia. O acto terá lugar na praia fluvial de Baltar, á beira do río Miño, baixo o lema Rexos coma carballos. Agárdase a participación duns 5.000 romeiros.

Este ano, a festa organízase coa colaboración da asociación cultural A Chaínza. Os actos comezarán ás once da mañá, cando comezarán a chegar os participantes, que serán acollidos coa música da banda municipal de Pastoriza. Ás doce será o momento central do día, coa celebración da eucaristía. Será ao aire libre e participará o grupo musical A Quenlla.

Durante o oficio, presentaránselle a todos os romeiros as características do lugar que os acolle e homenaxearase a diversos colectivos, como ó colectivo xitano, á cooperativa pastoricense O Caxigo, a asociación cultural A Chaínza e ao colectivo Galicia non se vende. Sobre as dúas comezará o xantar compartido.

Na sobremesa haberá unha actuación do grupo A Quenlla, e ás 18.30 poñerase fin á xornada cunha oración aos pés do carballo de Luxís, cantado polo poeta chairego Crecente Vega.

"Acontecemento de masas"
A romaxe é, segundo esta asociación galega de cristiáns de base, “un dos primeiros acontecementos de masas da Igrexa galega”. A súa celebración na Pastoriza supón case unha volta ás orixes, pois a primeira Romaxe de Crentes Galegos tivo lugar en 1978 no próximo Pedregal de Irimia (Meira), lugar de onde toma o nome a asociación. Dende aqueles primeiros anos con forte oposición episcopal, a festa tense celebrado en diferentes puntos de Galicia. A do ano pasado foi na Virxe do Monte (Mazaricos).

A intención da romaxe, ó igual có da asociación que a promove, é “a de conxugar a fe coa galeguidade, ou, o que é o mesmo, o sentirse crente co sentirse galego”.

Comentarios