A Xunta renovará o firme da LU-540 ao seu paso por Xermade, Muras e Ourol

Destinará 775.000 euros ás obras, que terán un prazo de execución de 4 meses ► Actuará en máis de 21 quilómetros de viario
Derrumbe hace meses en el vial
photo_camera Derrumbe hace meses en el vial

A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación unhas obras de mellora da estrada LU-540, de titularidade autonómica, ao seu paso polos concellos de Xermade, Muras e Ourol. A Administración autonómica reservou un orzamento duns 775.000 euros para esta actuación, que se centrará no reforzo do firme e deberá executarse nun prazo de catro meses.

O Diario Oficial de Galicia informou na súa edición deste luns da apertura deste proceso de contratación. Segundo explicaron desde a Xunta, as actuacións que levarán a cabo suporán a rehabilitación do firme mediante o fresado e reposición da mestura de bituminosa en quente, nos tramos da estrada deteriorados entre os puntos quilométricos 8,100, na Volta da Redoada (Viveiro), e 33,320, na intersección da vía da Deputación a Paidavella (Xermade).

En concreto, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda levará a cabo o fresado do pavimento en preto de 300.000 metros cadrados. En total, estímase que se empregarán máis de 7.000 toneladas de distintos tipos de formigón asfáltico, entre outros elementos.

Durante os catro meses que durarán estas obras, actuarase en máis de 21,5 quilómetros de vía e, como obras complementarias a esa rehabilitación do firme, nalgunhas zonas acondicionaranse cunetas formigonadas. Ademais, construiranse gabias drenantes naqueles puntos nos que a evacuación de auga sexa inviable.

As empresas interesadas en asumir esta actuación teñen de prazo ata o día 15 de abril para presentar as súas ofertas e a documentación pertinente.

DESVÍOS. Desde a Administración autonómica sinalaron que no caso de que estas obras na LU-540 afecten o tráfico rodado na zona, proporanse unha serie de solucións que permitan manter a circulación durante a execución dos traballos contemplados, para deste xeito garantir a seguridade tanto dos usuarios como dos traballadores. Ademais, as mesmas fontes sinalaron que as actuacións previstas neste proxecto de reforma viaria non implican a realización de ningunha expropiación, xa que todas as intervencións que se realicen están incluídas dentro da franxa de dominio público desta estrada de titularidade autonómica.

Comentarios