A Xunta licita por 700.000 euros a segunda fase da traída de Cospeito

A nova rede de abastecemento dará servizo ás parroquias de Pino, Rioaveso, Seixas, Sistallo, Támoga e Vilapene. As obras terán un prazo de execución de sete meses
Armando Castosa y Raquel Arias, junto a otros ediles, en la visita a la Etap de Pino
photo_camera Armando Castosa y Raquel Arias, junto a otros ediles, en la visita a la Etap de Pino

A Xunta saca a licitación a segunda fase da rede de abastecemento de Cospeito, unha obra que contará cun investimento de preto de 710.000 euros e que dará servizo ás parroquias de Rioaveso, Seixas e Sistallo, e a parte de Pino, Támoga e Vilapene, tal e como anunciou a delegada territorial, Raquel Arias, nunha visita que realizou xunto ao alcalde, Armando Castosa, e varios edís á estación de tratamento de auga potable (Etap) de Piñeiro.

As obras, cuxa adxudicación se abre este mércores tras ser publicada no DOG, engloban a segunda fase do proxecto, que se centrará na mellora e a ampliación da traída municipal. A actuación consta da construción dunha rede principal, que terá unha lonxitude de preto de 5,5 quilómetros, e catro ramais secundarios, que sumarán máis de 7.200 metros de lonxitude. Ademais, destinarase unha partida a mellorar as instalacións do depósito de Feira do Monte, comunicado co de Pino para evitar que algún fallo provoque problemas de subministración.

As actuacións terán un prazo de execución de sete meses, polo que antes de que acabe o ano espérase que xa estean finalizadas e en servizo.

"O importante esforzo investidor realizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas permitirá garantir un servizo de calidade que achegará a cantidade de auga precisa para cubrir as necesidades existentes, independentemente da tempada do ano da que se trate", destacou a delegada da Xunta en Lugo, que indicou que, tras estas actuacións, a Xunta suma un investimento de máis de 2,1 millóns de euros na auga de Cospeito, tras unha primeira fase na que se financiou a construción da condución principal, a Etap de Pino e un depósito con capacidade para 1.500 metros cúbicos de auga.

"Estamos a apostar moi forte por levar un servizo que consideramos básico, como é a auga, a tódolos veciños para dar un maior e mellor servizo ao máximo número de vivendas posible, ademais de ás explotacións gandeiras e a outras industrias", indicou o rexedor de Cospeito, que valorou a "celeridade" da Xunta por pór en marcha o proceso de licitación no que definiu como "unha inxección económica" que supón "un impulso importante".

Comentarios