A Xunta investirá 200.000 euros en crear o centro de interpretación da Igrexa de San Martiño de Foz

A infraestrutura permitirá profundar no coñecemento da que é a catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé
Román Rodríguez firmó con el alcalde de Foz y la diócesis de Mondoñedo-Ferrol el acuerdo para crear el centro de interpretación
photo_camera Román Rodríguez firmó con el alcalde de Foz y la diócesis de Mondoñedo-Ferrol el acuerdo para crear el centro de interpretación

A Consellería de Cultura investirá uns 200.000 euros na apertura dun centro de interpretación na Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre este conxunto monumental e achegalo ao público en xeral. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinou este luns o acordo de colaboración co alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e o vigairo xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez Basanta.

En virtude desta colaboración, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural colaborará co financiamento do deseño do proxecto e na montaxe de recursos expositivos para profundar no coñecemento da que é a catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé. O novo espazo cultural situarase na antiga casa reitoral.


A idea é que o centro estea en funcionamento, equipado e preparado, no verán de 2017


Pola súa banda, o concello asumirá a xestión do centro e os custos derivados da súa apertura pública, incorporando os espazos e recursos do mesmo á oferta de visita. O compromiso da diocese e da parroquia de San Martiño de Mondoñedo baséase na cesión do uso dos espazos acondicionados para o centro, así como das pezas mobles que formarán parte da colección.

Tras a firma deste acordo, o seguinte paso é a redacción do documento técnico onde quedarán definidos tanto o deseño expositivo como o contido e o deseño museográfico do futuro centro. A continuación, a consellería procederá a licitar os traballos de montaxe de cara a que o centro estea en funcionamento, equipado e preparado, no verán de 2017.

Comentarios