A Xunta autoriza unha batida de lobos en Friol ante os seus ataques

Tramítaa a solicitude dos tecores da zona e estima que se realizará no que queda de mes ► Recibiu o ano pasado 396 avisos de incursións na provincia, un 40% máis que en 2015
Un ganadero friolés observa una vaca devorada por los lobos
photo_camera Un ganadero friolés observa una vaca devorada por los lobos

A Xunta deu o visto e prace a unha batida de lobos en Friol ante os seus reiterados ataques ao gando. Segundo indican desde Medio Ambiente, tramítaa a xefatura territorial da consellería, a solicitude dos tecores da zona, e levará a cabo probablemente este mesmo mes. Ese departamento autonómico recibiu o ano pasado un total de 396 avisos por incursións do lobo na provincia, o que supón un 40% máis que en 2015 e case a metade dos 820 rexistrados en Galicia nos últimos doce meses. 

Sobre esa batida en Friol, desde a consellería indicaron este luns que, unha vez avaliados os datos sobre os ataques deses animais, constatouse a existencia de danos recorrentes tanto a nivel de parroquia como de concello, polo que se está planificando esa actuación de control, coa previsión de realizala nos próximos días. Precisamente, nos últimos meses do 2016 varias ganderías friolesas queixáronse dos danos causados polo lobo, entre elas unha de Xiá que sufriu en dous anos cinco incursións, nas que perdeu tres vacas e un becerro. 

CASE 700 RESES AFECTADAS. Segundo os datos facilitados por Medio Ambiente, nesas 396 incursións das que se avisou en Lugo en 2016 os lobos atacaron un total de 678 reses. Así, víronse afectados 120 cabalos, 315 ovellas, 42 cabras e 201 vacas. No caso do gando bovino, os ataques duplicáronse desde 2010, ano no que o número de exemplares afectados foi de 101. A nivel galego, víronse afectados o ano pasado 1.573 animais: 170 cabalos, 801 ovellas, 185 cabras e 417 vacas. 

Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias, avoga por habilitar comederos nas zonas con máis danos, para evitar que os lobos se acheguen ás explotacións

No 2015, as reses atacadas na comunidade galega, nun total de 618 incursións, foron 1.258 e case 500 delas eran de ganderías da provincia lucense, onde houbo 283 avisos de ataque. 

Segundo datos da Administración autonómica, en Galicia hai 90 mandas de lobos, da que 14 son compartidas con comunidades autónomas limítrofes e con Portugal –tres con Asturias, seis con Castela e León e cinco con territorio luso–. 

AXUDAS. No último Consello da Xunta, a pasada semana, recibiu luz verde a convocatoria de 2017 das axudas para paliar os danos ocasionados polo lobo, dotada de 380.000 euros de orzamento. O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, destacou tras esa reunión que ese montante supón un aumento do 6% en relación á convocatoria do ano anterior. 

As contías concedidas, en función das especies afectadas e os tramos de idade, oscilarán entre os 26 euros por un exemplar ovino maior de seis anos e os 1.635 por un vacún de raza autóctona de entre dúas e seis anos. 

Desde Unións Agrarias (UU AA) consideran prioritario que os esforzos se centren en axilizar os pagos aos gandeiros afectados. O seu secretario de desenvolvemento rural, Jacobo Feijoo, mantén que en anteriores convocatorias a Administración tardou ata dous anos en pagar, e o sindicato entende que o razoable sería que o fixese en dous ou tres meses. 

Sobre o aumento de incursións do lobo, di que a súa poboación se mantén estable e achaca esa maior frecuencia de ataques a que agora non se poden deixar no monte restos animais, dos que se alimentaba esta especie hai anos. Por iso, Jacobo Feijoo avoga por habilitar comederos nas zonas con máis danos, para evitar que os lobos se acheguen ás explotacións, e neutralizar ás mandas máis agresivas, para facilitar esa convivencia da especie e os gandeiros.

Comentarios