A Xunta abre unha oficina en Lugo para persoas en risco de desafiuzamento

"Pretendemos ofrecer un servizo próximo ao cidadán, que proporcione unha resposta áxil e adecuada a caso", afirmou Balseiro

A Consellería de Política Social acaba de abrir unha nova oficina na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo para asesorar a todas aquelas persoas que se atopen en risco de desafiuzamento, unha iniciativa que se enmarca dentro do programa autonómico 'Reconduce'.


O delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantivo este martes unha reunión de traballo cos dous traballadores que se ocuparán do funcionamento desta oficina e, polo tanto, de informar os usuarios e de tramitar os expedientes das axudas ante os servizos centrais da Xunta de Galicia, co fin de "evitarlles desprazamentos innecesarios".

Esa oficina está situada na planta baixa do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, xunto co resto de dependencias que ocupa a Consellería de Política Social.

"Con esta oficina pretendemos ofrecer un servizo próximo ao cidadán, que proporcione unha resposta áxil e adecuada a caso", dixo Balseiro, porque a Xunta ten nestes momentos en marcha "doce medidas para evitar os desafiuzamentos hipotecarios ou por falta de pagamento de aluguer".

Nese sentido, recordou que "os desafiuzamentos son un drama e a Xunta está a pór todo do seu parte para porlles freo ou, canto menos, para ofrecerlles aos afectados unha alternativa que lles permita acceder a outra vivenda". 

Comentarios