Xulgan a un naviego que pegou á súa muller por non terlle feita a comida

Na vista, celebrada este xoves en Lugo, o fiscal pediu para o acusado unha condena dun ano de prisión

O ministerio público solicitou este xoves unha condena dun ano de prisión para un veciño de Navia de Suarna acusado de pegarlle á súa muller porque non lle tiña a comida preparada ao chegar a casa. 

O escrito de acusación da Fiscalía lucense explica que o día 29 de decembro de 2010, sobre a unha da madrugada, o home chegou ao seu domicilio e achegouse "de malos modos" á súa esposa, que estaba durmida. O home reclamoulle a comida e a muller contestoulle que non tiña nada preparado para que puidese cear, porque non sabía que ía regresar a casa esa noite, xa que levaba dous días fóra do seu domicilio por motivos relacionados coa actividade laboral que desempeña. 

Nese momento, segundo os argumentos que defende o ministerio fiscal, o acusado enfureceuse e presuntamente lle propinou á muller diversos golpes por distintas partes do corpo. Como consecuencia da agresión, a muller sufriu hematomas nun ollo, un ombreiro, unha man, e tamén na zona lumbar. 

ORDE DE PROTECCIÓN. Por mor destes feitos, o día 30 de decembro do 2010, o xulgado Primeira Instancia e Instrución da Fonsagrada ditou unha orde de protección que prohibía ao acusado aproximarse a menos de 500 metros da súa esposa, así como residir no municipio de Navia de Suarna. Segundo esta decisión xudicial, o acusado só podería acudir ao municipio no que residía para exercitar o dereito de visitar aos seus fillos. 

O xuízo por este caso celebrado no Penal número 1 de Lugo quedou visto para sentenza.

Comentarios