Xoves gris con choivas ocasionais

A borrasca Justine chega a final do día a Galicia como cicloxénese explosiva
Meteogalicia
photo_camera Meteogalicia

Este xoves espérase unha situación intermedia entre as altas presións do sur da península Ibérica e as baixas das Illas Británicas. Isto continuará deixando ventos húmidos que farán que o ceo se presente moi nubrado na franxa máis atlántica con orballos ocasionais, con apertura de claros no interior e no litoral norte. 

Segundo a información publicada por Meteogalicia dependente da Consellería de Medio Ambiente, o vento soprará de compoñente sur, moderado en xeral, forte no litoral e terzo norte. 

Pola súa banda, as temperaturas seguirán sen cambios ou terán un lixeiro descenso. Deste xeito, nas principais cidades galegas as máximas subirán ata os 18 graos en Ourense e A Coruña, ata os 16º en Lugo e Vigo e ata os 15º en Pontevedra e Ferrol. En canto aos valores mínimos, os termómetros caerán ata os 10 graos na capital lucense, mentres que na Boa Vila non baixarán de 13. 

JUSTINE. A borrasca Justine, convertida en cicloxénese explosiva, entrará en Galicia a última hora do día, aínda que os efectos máis importantes produciranse, segundo indicou Meteogalicia, o venres e "probablemente" o sábado.  Serás unhas xornadas nas que se esperan intensas choivas e fortes refachos de vento.

Os primeiros efectos da formación de Justine deixaranse sentir xa este mércores na zona da Mariña, en Lugo, en alerta amarela a partir das 18.00 horas por refachos de vento superiores aos 80 km/h. Un aviso que se manterá para o xoves na comarca lucense, e que se ampliará, a partir das 9.00 h por ventos do suroeste de forza 7 na Costa da Morte e a costa noroeste da Coruña. 

Con todo, segundo indicou o meteorólogo Juan Taboada en declaracións a Europa Press, o groso da borrasca tocará Galicia o venres e durante as primeiras horas do sábado. "Aínda que se trata dunha borrasca relativamente pequena, denomínase explosiva pola rapidez coa que se moverá, o que dificulta prognosticar, tanto a súa traxectoria exacta, como os seus efectos", explicou Taboada. 

"A alerta mantense amarela, de momento, pero é posible que, nos próximos días con previsións máis precisas, cambie a laranxa", indicou Meteogalicia que, ademais dos fortes ventos e choivas que prevén para o venres, estiman "un probable temporal de ondas" para o sábado, ao abandonar a ciclogénesis explosiva a comunidade. 

De momento, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), mantén para o venres a alerta amarela en toda Galicia por fortes ventos, con refachos de ata 80 km/h, e na provincia da Coruña. A iso súmase un aviso da mesma intensidade no mar, con ventos do sur ou suroeste de forza 7.

Comentarios