Xóvenes Agricultores abre o 25 as xornadas de outono con charlas sobre queixos

Charla del director de Desenvolvemento Rural, en el 2010. (Foto: T.P.)
photo_camera Charla del director de Desenvolvemento Rural, en el 2010. (Foto: T.P.)

A agrupación Xóvenes Agricultores de Chantada iniciará o día 25 unha nova edición das tradicionais xornadas de outono, que se prolongarán ata o día 21 de novembro. Os encontros para promocionar os produtos galegos e os de tempada de Chantada terán como base os locais do sindicato e do telecentro, onde se comezará cunhas xornadas sobre os queixos.

O día 25 abrirase cun encontro sobre o queixo de San Simón da Costa. Ao día seguinte, os asistentes poderán coñecer máis particularidades da denominación Queixo de Teto, mentres que o día 27 será sobre os queixos Arzúa Ulloa, e o día 28, ao redor da denominación Mel de Galicia. Todas as charlas serán ás 20.15 horas.

Para o día 3, Xóvenes Agricultores ten previsto celebrar unha xornada de agricultura ecolóxica, na que se repasarán os recursos da zona, os distintos proxectos e as posibilidades da comarca. O acto tamén comezará ás 20.15 horas, pero nesta ocasión o lugar de celebración será o local do sindicato.

Xa en novembro, Xóvenes Agricultores, central sindical coordinada na Ribeira Sacra por Antonio Paz, penetrarase no mundo da viticultura e enoloxía, en concreto, do 7 ao 16.

Do 7 ao 9 falarase en termos xerais da situación do sector, tamén na sede de Xóvenes Agricultores, e a partir das 20.15 horas. Do 10 ao 16, as xornadas volverán ao telecentro, onde se falará, sucesivamente, de todas as denominacións de orixe de Galicia.

A partir do día 17, a actividade das xornadas centrarase na micoloxía. Serán as XVI Xornadas Micolóxicas, que terán a súa sede no local de Xóvenes Agricultores, tamén a partir das 20.15 horas.

Reservas

Antonio Paz animou aos chantadinos e veciños de toda a comarca a que se apunten canto antes ás xornadas dado que as prazas son limitadas.

As persoas que desexen acudir ás sesións deberán inscribirse na sede da agrupación, situada en Chantada, ou chamar ao teléfono 982.45.42.04. Tamén se pode utilizar o fax, que ten o número 982.44.10.90, ou contactar a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios