Demetrio Salgueiro: "Cando se pon corazón en facer as cousas, saen adiante"

Xove, empresas con corazón e ganas

O tecido económico xovense exhibe o seu potencial na feira multisectorial Agora Xove

UN DOS veciños máis coñecidos do municipio xovense, o cómico e presentador Roberto Vilar, foi o encargado de inaugurar o sábado Agora Xove, a feira multisectorial que reúne este fin de semana a máis de 50 empresas asentadas no municipio. O director do programa Land Rover da TVG contribuíu a facer máis visible o potencial do seu concello de nacemento. Vilar exaltou o carácter emprendedor dos xovenses, xentes traballadoras con corazón e moitas ganas de saír adiante.

Roberto Vilar mostrouse encantado e moi orgulloso de acudir ao seu municipio cantas veces lle reclamen. Recordou que "un empresario é un traballador que ten unha empresa, por exemplo eu traballo pintando a mona, para o que tiven que crear unha empresa", apuntou.

O polifacético humorista asegurou que o que necesitan os propietarios das empresas é "que os políticos axuden". Vilar manifestou que cando se fala da marcha da economía, queda fóra da ecuación un dato, que é "a alma e o corazón da xente, porque os empresarios teñen ganas de saír adiante e facer as cousas, queren traballar, pola súa familia, por eles e polo seu proxecto persoal. A xente pón corazón nas cousas para saír adiante e facelas de verdade", recalcou.

Vilar incidiu na necesidade de que quen teñen o poder e dirixen o sistema económico do país, colaboren para que os emprendedores poidan sacar adiante as súas iniciativas. Neste sentido, expresou o seu convencemento de que a feira multisectorial xovense demostrará que "a xente ten ganas de traballar, saír diante e poñer o seu corazón", reiterou.

Roberto Vilar reclamou respaldo dos poderes públicos para os empresarios, que son "traballadores natos"

O tamén coñecido como Tonecho xovense recordou que cando era neno quería marcharse do municipio, pero "agora cada vez que veño síntome mellor, máis orgulloso dos veciños e da miña xente, é un orgullo ser de Xove. Son da casa da Moucha, o fillo de Vilar, e iso faime feliz e tamén valorar o que teño agora", subliñou.


Pola súa banda, o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Municipio (Aciam) de Xove, que promoveu este certame multisectorial, expresou que lle correspondeu a el, Juan Carlos López González, estar á fronte do colectivo neste momento, pero reclamou o mérito conxunto de todos os empresarios participantes. Asegurou que "é un orgullo moi grande" e agradeceu o apoio do Concello, porque "sen el sería imposible facer isto, pois asume un esforzo económico moi importante".

ALTA PARTICIPACIÓN. Carlos Lopez sinalou que das 63 empresas existentes na localidade, 57 están presentes no feiral, unha participación moi elevada, da que se mostrou moi satisfeito, igual que do ben que quedaron os expositores na carpa instalada na praza do centro cívico xovense.

O acto inaugural concluíu coa entrega dunhas placas conmemorativas aos tres empresarios máis veteranos do municipio, cuxas empresas funcionan desde fai máis de 50 anos. Trátase da panadeira Josefa Guerreiro, quen dixo sentirse "moi contenta" e recordou que o seu pai abriu o negocio fai xa 70 anos: "Tivemos bos e malos tempos, pero fomos aguantando e fun moi feliz".

Antonio Rey da empresa Establecementos Rey, fundador dun negocio familiar por excelencia no que traballa toda a familia, quixo compartir o obsequio coa súa esposa, que lle acompañou na aventura empresarial. Rey recordou que en 1960 tivo unha taberna en Sumoas e recalcou que leva máis de 60 anos detrás do mostrador, agora xa retirado, pero sempre atento por se a súa substitución precisa calquera consello.

O empresario xovense agradeceu á Aciam o seu labor e esforzo para facer posible a feira e confiou en que "non quede no esquecemento e sígase facendo, porque redunda en beneficio de todo o comercio local". Explicou que cando empezou eran bos tempos, A Mariña despegaba polo boom das primeiras costeiras. "Con aqueles cartos fixéronse as primeiras traídas de auga para as casas e baños, fomos medrando día a día e agora chegamos a tódolos puntos da Mariña", asegurou moi satisfeito.

O terceiro homenaxeado cuxa traxectoria foi recoñecida é Telmo Mariño, agora tamén xubilado e que se mostrou emocionado "como o primeiro día", ademais de subliñar o seu agradecemento aos clientes. As súas familias manteñen na actualidade os negocios.

O alcalde xovense animou aos presentes e posibles visitantes do feiral a participar nas actividades paralelas que se desenvolven este fin de semana. Entre estas destacan os desfiles programados no pavillón, onde se habilitou unha pasarela, que permite a asistencia de máis de 500 persoas sentadas . "Son unha novidade", destacou o rexedor, quen confía en que atraian a moita xente.

O pase de moda e complementos realizado onte confirmou o tirón. Participaron o Centro Óptico Xove con modelos de lentes de sol e graduadas de tempada, Véquez Xoiería, as librerías Basanta e Lendas e a mercería Antollo.

A afluencia durante a xornada foi moi importante e confirmáronse as expectativas postas pola organización no evento. A animación foi constante, con exhibicións, degustacións e demostracións que favoreceron un continuo movemento. A axente de emprego, Rosa Lage, informou sobre distintas axudas ao emprego e o emprendemento e invitou o consumo local para manter os negocios creados.


Comentarios