A xornada de clausura da Osa do Mar estará chea de música e actividades

Os concertos deste sábado empezarán ao mediodía coa ‘Sesión Bearmú’, que será gratuíta. A Marosa acolleu, o venres, a primeira parte da competición do campionato de BMX
Pùblico durante uno de los conciertos de este viernes
photo_camera Pùblico durante uno de los conciertos de este viernes

A terceira edición do festival burelense Osa do Mar chega, este sábado, ao último día do seu cartel e, por iso, a organización preparou unha xornada onde non faltarán as actuacións musicais, os diferentes escenarios e varias propostas coas que gozar, ao grande, deste sábado na localidade mariñá.


Tras o éxito conseguido nos dous días anteriores, tanto na estrea da xornada de Pre-Osa, como durante a inauguración do recinto principal, o venres, auguran un sábado no que o peche da Osa conte cunha importante afluencia de público e de visitantes que gocen do calendario preparado para este sábado.


Durante a xornada pasada, os asistentes puideron descubrir, ao fin, o recinto preparado para este terceiro ano do festival e bailaron ata ben entrada a madrugada cos ritmos e sons de todas as bandas que foron pasando, unha tras outra, polo escenario principal. Agoraphobia, Bala, Mujeres, Cuello, Bravo Fisher! e Onnlbn non escatimaron en ganas nin en son para que todos os asistentes puidesen gozar dun primeiro día memorable. Ademais, tamén se inaugurou a zona situada na Marosa, onde se disputou a primeira parte da competición da Osa BMX, na categoría de Master e á que se puideron apuntar todos aqueles que desexaban probar sorte sobre dúas rodas nas ramplas.


A pesar de que este sábado é o último día desta edición, o ánimo non debe decaer xa que haberá múltiples concertos gratuítos desde mediodía ata pola noite. A ‘Sesión Bearmú’ comezou a partir das 12.30, cando o escenario Traste bailou ao son de Nave Nodriza. Desde aí, a música desprazouse ata o escenario Kiko, cos Fogbound tocando xusto á beira da praia do Portelo ás 13.30 horas. Os White Bats foron os encargados de pechar a sesión vermú e fixérono volvendo ocupar o escenario da terraza do Nordés ás 14.30 horas.


As actuacións gratuítas continuarán pola tarde no escenario Praia, situado na Marosa, cos grupos Electric Feels, que arrincarán ás 18.30 horas e Pega Monstro, soando no areal desde as 19.30 horas.


O recinto principal empezará a encherse a partir desa hora xa que a rolda de concertos final promete todo un espectáculo para non perderse. Malandrómeda serán os encargados de abrir fogo a partir das 22.00 horas, para que lles sigan Biznaga, unha prometedora banda da capital, o bo humor e o estilo persoal e enxebre de Familia Caamagno. Plantando cara, as voces e instrumentos de Guerrera, C. Tangana, que conseguiu facerse un sitio propio no panorama do hip hop, e o cantautor Joe Crepúsculo, que pechará coas súas letras o cartel desta edición da Osa do Mar. Aínda queda moito por gozar.

Comentarios