Xogar con lume

ADOITA DICIR o amigo Francisco Pillado Mayor que no macarthismo os americanos denunciaban o veciño por un chalé e que aquí nos vendemos por un bidé.

Por se alguén non o recorda, a expresión macarthismo fai referencia aos anos (1950-1954) en que o senador republicano Joseph McCarthy, obsesionado polo perigo comunista, alentaba a delación de persoas consideradas marxistas. A tamén chamada ‘caza de bruxas’ tivo especial forza en Hollywood, onde foron moitas as vítimas ás que non se lles concedeu sequera a presunción de inocencia. Un dos casos máis virulentos foi a persecución a Charles Chaplin. Da outra banda, destacados cineastas como Elia Kazan ou Walt Disney pasaron á historia como afervoados delatores. Nun lugar máis honroso fican directores, guionistas, actores e actrices que tiveron a valentía de reclamar liberdade e formaron o Comité da Primeira Emenda. Eran 500 entre os que figuraban nomes tan sobranceiros como Humphrey Bogart, Lauren Bacall, Frank Sinatra, Kirk Douglas ou Katharine Hepburn, por citar só algúns.

De como o ambiente se tornou irrespirábel e apodreceu a convivencia, hai abundante bibliografía. Non estaría mal acudir a ela por se segue a ser verdade a máxima de que a historia é mestra de vida.

Todo o anterior vén a conto da campaña lanzada polas xuventudes do PP de Castellón para delatar profesores que, segundo eles, adoutrinen nas aulas.

O primeiro que me pregunto é que entenderán estes rapaces e rapazas por adoutrinamento. Se cadra o seu concepto non se afasta moito do que tiña Franco cando recomendaba: «haga como yo, no se meta en política». ¿Saberán que existe a liberdade de cátedra en nome da cal o docente ou a docente ten o dereito, e aínda diríamos que o deber, de poñelos en contacto dun xeito crítico coa realidade? ¿Podémonos mover no estrito campo das ideas, como habitantes da Caverna de Platón, lonxe da súa encarnación na vida? Por outra parte, ¿non é certo que a realidade actual non está precisamente para concitar unanimidades?

Mesmo quen fixemos a maioría da nosa carreira na ditadura podiamos percibir as filias e fobias ideolóxicas do profesorado, múltiple e diverso, e non todos saímos da mesma corda. A nosa liberdade e o noso raciocinio tamén contaron.

En todo caso, ¿prevalecerá a palabra do alumno sobre a do profesor cando aquel afirme que este adoutrina se explica, por exemplo, o pensamento de Marx? Está no programa de Filosofía e tamén é inevitábel para entender moitos acontecementos pasados e presentes. ¿Cambiamos a historia? ¿Que pasa se o docente non pon entusiasmo abondo a rexeitar o franquismo? A división nas aulas está servida. Alguén lles terá que dicir a estes rapaces de Castellón o que é xogar con lume.

Comentarios