Xermar celebra o luns o Entroido con exhibicións hípicas e bailes de disfraces

A parroquia de Xermar, en Cospeito, celebrará este luns o Entroido cun programa cheo de actos e destinado a todas as idades, con exhibicións hípicas, bailes e concurso de disfraces, entre outras propostas.

Os actos, organizados pola comisión de festas de Xermar en colaboración co Concello de Cospeito, arrincarán a partir das 16.30 horas nas inmediacións da antiga escola da parroquia con varias exhibicións de cabalos e distintas probas de habilidades hípicas.

Unhas horas máis tarde, ás 18.30 horas aproximadamente, a chegada do Entroido dará o inicio á festa de disfraces, dirixida tanto aos nenos como aos maiores.

Os actos festivos continuarán ás 22.30 horas, co inicio da verbena, a cargo da orquestra Abanico, que actuará durante varias horas. Ás 00.30 será a entrega de premios entre os participantes das exhibicións hípicas e tras a repartición de galardóns dará comezo o concurso de disfraces, que se dividirá en tres categorías: individual, parellas e comparsas ou grupos. Haberá premios para os participantes.

A queimada do Entroido e o xuízo final porán fin a unha festa que este ano aposta por aumentar os actos e achegar o Entroido aos veciños. «Sempre se fixo algo, pero tan ao grande non», aseguran desde a comisión.

Comentarios