Xermade volve converterse un ano máis no epicentro da tornería en madeira

O XV Encontro Internacional de Torneiros, que se desenvolverá ata o domingo, conta con demostracións de expertos de fama internacional, mostras e un mercado artesanal
Discurso de presentación de Vicente Ledo
photo_camera Discurso de presentación de Vicente Ledo

O polideportivo municipal de Xermade acolleu este xoves a inauguración do XV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Galicia, que converterá ao municipio chairego na capital nacional do sector durante todo a fin de semana e onde se darán cita relatores, artesáns e curiosos chegados de distintos puntos da xeografía europea.

"É un orgullo poder ter en Xermade un evento destas características, onde se citan os mestres dos mestres, os mellores torneiros do mundo", afirmou Roberto García, alcalde do municipio, que asegurou afrontar o seu primeiro encontro como rexedor municipal coa "responsabilidade que o posto reclama".

O encontro, organizado por primeira vez polos propios torneiros tras a renuncia da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño —a súa xerente, Elena Fabeiro, explicou este xoves durante a inauguración que os límites orzamentarios do centro lles impediron tomar as rendas da organización, aínda que apoiaron economicamente o certame—, comezou coas demostracións de relatores como o francés Christian Delhon, José García Otero ou Julio Guntín e diversas exposicións de pezas torneadas, ferramentas ou maquinaria.

Vicente Ledo, principal promotor do evento, mostrouse orgulloso polo "encontro máis participativo e social de todos os que se levan organizado". "En só dous meses fixemos a masa do pan que se empeza a cocer hoxe", explicou Ledo, que recordou durante o acto ao falecido Fernando Vérez, motor e impulsor —xunto a el mesmo— do certame desde a súa primeira edición.

As demostracións e exhibicións continuarán este venres no polideportivo municipal desde as 10.30 horas ata as 19.30, exceptuando o tramo comprendido entre as 14.00 e as 16.00 horas, nas que o pavillón permanecerá pechado.

O escenario do acontecemento, con todo, non se limitará unicamente ao pavillón, xa que a biblioteca municipal acolle a exposición itinerante de madeira torneada ConTornos, que poderá ser visitada entre as 16.00 e as 19.30 horas deste venres e tamén durante a fin de semana.

O sábado e o domingo sucederanse as demostracións, tanto para os inscritos como para o público en xeral, e continuarán as exposicións e venda de maquinaria, ferramentas, publicacións ou pezas torneadas. A clausura terá lugar o domingo ás 14.00 horas.

Comentarios