Xermade mostra as perspectivas do torneado de madeira no mercado

Las autoridades visitan la muestra de piezas expuesta en el pabellón municipal. m.roca
photo_camera Las autoridades visitan la muestra de piezas expuesta en el pabellón municipal. m.roca

A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, destacou as «excelentes perspectivas» coas que conta a artesanía galega no mercado actual e, en concreto, no caso do torneado de madeira, que pode aplicarse principalmente «á decoración de interiores e á arquitectura». Castro participou onte xunto á xerente da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e o alcalde de Xermade, Tomás Rodríguez, na inauguración da undécima edición do Encontro de Torneiros en Galicia, que se celebra no pavillón da localidade chairega ata mañá.

«Este encontro supón un espazo de intercambio e aprendizaxe para os profesionais e artesáns da madeira de Galicia e de toda España, ademais dun amplo escaparate de divulgación do oficio dos torneiros», engadiu Nava Castro. Recordou ademais as negociacións que a consellería está a levar a cabo desde o ano pasado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para establecer proxectos de colaboración entre artesanía e arquitectura.

O rexedor, Tomás Rodríguez, afirmou que «Xermade está sendo ou centro de torneiros de Europa» e admitiu sentirse satisfeito por ver que a cita «vai a máis» cada ano. O acto de inauguración celebrouse este ano na Praza do Concello e tivo como protagonista o piñeiro centenario que está xunto á igrexa. Os alumnos e alumnas do colexio local cantaron unha canción e colgaron cartóns con dedicatorias nunha homenaxe a esta árbore «que vén a significar a vida da madeira», afirmou Nava Castro.

Actividades

O Encontro de Torneiros, que conta cuns 90 inscritos, continúa hoxe cos talleres de Manuel Castro, o británico Phil Irons e o francés Alain Mailland durante a mañá. Pola tarde, haberá un espazo de iniciación supervisado por monitores para todo aquel que queira probar a manexar un torno e, ademais, os relatores farán demostracións de face ao público.

Os asistentes tamén poderán visitar a cuarta Exposición Itinerante de Madeira Torneada, que conta con 62 pezas de 39 artesáns, dos que máis da metade son galegos.

Comentarios