Voos cancelados a Israel por razóns de seguridade

As autoridades de aviación civil de Estados Unidos así como doutros países cancelaron os voos a Israel por razóns de seguridade. No caso das estadounidenses, decidiron que a anulación das conexións sexa durante dous días con posibilidade de continuar durante as xornadas seguintes. A FAA prohibiu o martes ás aerolíneas estadounidenses voar ao aeroporto israelí despois de que un mísil M75 eludise o escudo antimísiles Cúpula de ferro e impactase a unha distancia de menos dun quilómetro das pistas.

Tamén no caso doutros países producíronse restricións aos voos. No caso de España, Iberia suspendeu de momento os voos desta noite e de mañá pola mañá mentres que Vueling tamén decidiu que non viaxará temporalmente a Tel Aviv mentres que non se certifique a seguridade da zona.

A compañía privada exipcia Air Sinaí tamén cancelou hoxe todos os seus voos previstos para mañá ao aeroporto internacional Ben Gurión de Israel pola "deterioración da seguridade", informou a axencia estatal de noticias Mena.

Comentarios