Voluntarios de Vilalba reparten 14.000 quilos de alimentos na localidade

Un total de 660 veciños beneficiaranse da doazón do Banco de Alimentos
Pepe Franco (segundo por la izquierda), con varios de los voluntarios
photo_camera Pepe Franco (segundo por la izquierda), con varios de los voluntarios

Membros do grupo de Voluntarios Xuvenís de Vilalba e de Protección Civil da localidade repartiron ao longo da xornada deste sábado 14.000 quilos de comida non perecedoira, toda doada polo Banco de Alimentos, dando continuidade así a un programa solidario que arrincou hai anos. 

Un total de 660 veciños, que integran 233 familias do municipio, foron os beneficiarios desta repartición, o segundo que se realiza neste ano, que se pechará cun terceiro. "É habitual facer tres reparticións anuais, a non ser que coincida que hai sobrante e do Banco de Alimentos mándennos para un a maiores", indicou Pepe Franco, o responsable de coordinar aos voluntarios para facer que este traballo solidario funcione. "Quitando o apuro inicial de primeira hora da mañá, todo foi moi ben. Houbo un goteo continuo de xente, xa están todos habituados. Levamos bastante tempo aquí", explicou Franco na nave dos Freires, e incidiu no traballo que hai detrás de cada repartición. 

O ano pasado repartíronse 41.000 quilos

"Hai un traballo de custodia dos alimentos e de preparación das caixas previo", dixo o coordinador de Protección Civil rodeado de caixas de cartón cheas e aceite, arroz, atún, cremas de verduras, galletas, xudías, leite, pasta, tomate frito e cereais e potitos para os nenos. 

"Todo o que chega repártese, cun cociente por persoa e cos datos que nos pasan de servizos sociais coas listaxes da xente, distribuímos todo", dixo, consciente de que aínda que ás veces sexa pouco, todo serve de axuda. 

Na primeira repartición deste ano concedéronse outras 14 toneladas de comida. O ano pasado, as cifras foron similares, cun total de 41.000 quilos de alimentos repartidos en total.

Comentarios