Vilapoupre, en Antas, entre os pobos aspirantes a saír do illamento dixital

Compite nun concurso organizado por Hispasat xunto a outras 13 poboacións para ser un dos tres finalistas para conseguir unha conexión gratuíta a internet

Unha parroquia de Antas de Ulla (Lugo) compite para conseguir internet gratis vía satélite no concurso de proxectos creativos #enREDatupueblo organizado por Hispasat. En total, son trece pobos de toda España para conseguir unha conexión gratuíta a internet de 30 megabytes por segundo vía satélite durante un ano que se ofrece como premio.

Nunha nota, o operador español de satélites de telecomunicacións explicou que co concurso quere axudar a reducir a fenda dixital e fomentar o uso do satélite como alternativa para levar conectividade de banda ancha a zonas remotas ou despoboadas de España onde non hai acceso a Internet ou é de baixa calidade.

Ao peche da convocatoria inscribíronse no concurso 25 pobos ou entidades singulares de poboación, actualmente sen conexión dixital de boa calidade. Un total de 14 delas cumpriron todos os requisitos e presentaron proxectos que poden optar ao premio: Almonaster la Real (Huelva), Aracena (Huelva), Boadella i Les Escaules (Xirona), Fasnia (Santa Cruz de Tenerife), La Herguijuela (Ávila), Linares de Mora (Teruel), Magaña (Soria), Oliete (Teruel), Orea (Guadalaxara), Rivilla de Barajas (Ávila), Uclés (Cuenca), Valle de Manzanedo (Burgos), Vilapoupre (Lugo) e Yernes y Tameza (Asturias).

O operador elixirá a tres pobos finalistas que se coñecerán o próximo 17 de maio, Día Mundial de Internet. O que alcance máis votos nas redes sociais e na web do proxecto Conéctache será o gañador.

Comentarios