domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Vilalba potencia os seus dous produtos estrela, o San Simón e o capón

Moito se fixo xa por difundir os dous produtos gastronómicos que son símbolo de Vilalba, o singular queixo de San Simón da Costa e o tradicional capón, e moito é o que aínda se pode facer.

No caso do capón, este domingo celebrouse a súa feira, unha cita máis que centenaria na que se puxeron á venda 800 dos 1.800 capóns que constitúen o total da produción deste manxar que o conselleiro de Medio Rural definiu como «sinónimo do Nadal».

O capón é un produto tan marcadamente estacional que só se vende un día ao ano, aínda que conte con devotos ata no estranxeiro. Por iso, desde a Asociación de criadores de capón de Vilalba foron desenvolvendo proxectos que melloren as súas posibilidades de comercialización e o desestacionalicen.

Unha destas iniciativas deu lugar ao capón de cinco meses, popularmente coñecido como caponciño, que produce Capóns Aurora, de Oleiros, a maior criadora da zona. A próxima, xa está en marcha e estenderase ata decembro de 2011. Trátase dun proxecto de Investigación e Desenvolvemento (I+D), desenvolvido conxuntamente polo Centro Tecnolóxico da Carne e a asociación de criadores, que busca analizar opcións para comercializar o capón todo o ano e incrementar a súa presenza no mercado.

O envasado ao baleiro, a atmosfera modificada ou os pratos preparados son as posibilidades a estudar, mentres que Concello e produtores esperan a que a Consellería de Medio Rural se pronuncie sobre a solicitude de concesión da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que suporía unha lombeirada crucial para o capón.

As garantías sanitarias son unha das maiores preocupacións do sector, posto que desde o Concello vese inviable construír un matadoiro que funcione só unha vez ao ano, polo que se buscan outras vías que permitan sacrificar aos animais con todas as garantías sanitarias. Neste sentido, o alcalde, Gerado Criado, apostou pola presenza de inspectores sanitarios no momento da matanza, o que facilitaría moito o proceso.

E mentres se estudan opcións e inténtase que o capón engada á súa consideración de aceno de indentidade un factor económico que permita crear emprego na zona, máis aló da incuestionable vocación dos 63 criadores actuais, serán uns poucos afortunados os que degusten este manxar nas ceas de Noiteboa.

O 2010 foi un bo ano para a Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa. Este singular queixo de teto afumado, recuperado practicamente da nada fai menos de dúas décadas, recibiu, a través da queixeiría Catadoiro, a distinción de mellor queixo de 2009, outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

Un recoñecemento ao que a queixeiría Prestes acaba de sumar unha medalla de ouro para o seu queixo no prestixioso certame World Cheese Awards, celebrado na cidade inglesa de Birmingham e ao que concorreron máis de 2.600 queixos de 29 países.

Son galardóns relevantes que se engaden á xa de seu longa lista cultivada a nivel rexional, nacional e internacional polas queixeirías vilalbesas nos últimos seis anos, que se espera que siga crecendo en 2011. En breve coñecerase o fallo dos premios Cincho, uns dos máis prestixiosos a nivel nacional, e sería noticia que ningún recaese no queixo vilalbés.

O 2010 foi tamén o ano da expansión, coa adhesión de tres novas fábricas á DOP, que se suman ás oito xa existentes, coa particularidade de que todas as novas incorporacións localízanse fóra das fronteiras vilalbesas. As queserías Leitigal, de Castro de Ribeiras de Lea, e Lorán, de Abadín, apostaron por incorporar o San Simón á súa oferta de queixos, mentres que Casa Ánxel da Pastoriza parte de cero cunha nota distintiva, a fabricación de queixo ecolóxico.

Como o presente exercicio aínda non se pechou, as cifras de vendas de San Simón só son estimativas, pero as perspectivas son en grao sumo prometedoras. Espérase un crecemento do 20% sobre as máis de 300.000 unidades producidas en 2009.

A Asociación de queixeiros organizará en abril a XVII Festa de San Simón, que incluirá o xa tradicional concurso de tapas e para a que se prevén novidades.

A materia pendente, un ano máis, segue sendo a esperada sinalización das queixeirías. O proxecto está ultimado, o Consello Regulador e Medio Rural teñen todo listo, pero un problema na empresa adxudicataria paralizou esta iniciativa.

Museos

O Concello propiciou este ano, a través do taller de emprego, a recuperación da vella escola da Pedragosa, na parroquia de San Simón, co obxectivo de crear nela un museo centrado neste queixo. O alcalde de Vilalba, Gerardo Ciado, cre que esta futura instalación está nun lugar idóneo e, nun futuro non moi afastado, espera poder desenvolver un proxecto similar para o capón na escola de Noite.

Así, as iniciativas dunha e outra parte discorren paralelas e ás veces ata se combinan aínda que sexa de forma anecdótica, como coa ‘caseta' fabricada polos alumnos de carpintería do último taller de emprego, para usar en ambas as feiras, ou cunha das propostas culinarias que se puideron apreciar na última cita co capón, onde o cociñeiro do restaurante lucense Paprica, Álvaro Villasante, preparou contramuslo estofado en viño de Ribeira Sacra con trompetas dos mortos recheas de espuma de queixo San Simón.

Vilalba potencia os seus dous produtos estrela, o San Simón e o capón
comentarios