Vilalba estrea o primeiro Ciclo de Música na Praza con once concertos

As actuacións desta iniciativa, impulsada polo Concello xunto coa banda e co conservatorio, serán os venres de xuño, xullo e agosto
Alejandra Vázquez, José Antonio Pita e Aurelio Chao
photo_camera Alejandra Vázquez, José Antonio Pita e Aurelio Chao

As rúas de Vilalba encheranse de música os próximos meses cunha nova iniciativa que impulsa o Concello, coa colaboración da banda e do conservatorio: o I Ciclo de Música na Praza, que programa once concertos.

«O noso agradecemento á banda e ao conservatorio, sen eles sería imposible», indicou o edil de cultura, Jose Antonio Pita, na presentación dunha iniciativa que nace con visión de futuro.

Os concertos terán como escenario cinco prazas: a de Santa María, a da Constitución, Coronel Pena, San Xoán e Suso Gayoso. Aínda que o Centro Cultural e Recreativo será a alternativa en tódalas actuacións «se o tempo non acompaña». «O obxectivo é achegar a música ao exterior, sacala das catro paredes do auditorio», dixo Pita.

«Para nós é un pracer poder mostrar o que facemos, o noso traballo. que a xente o coñeza e forme parte», expresou Alejandra Vázquez, a presidenta da Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, mentres Aurelio Chao, o director do conservatorio, falou dun programa «innovador» e un «proxecto espectacular e con futuro». «Esperemos que dentro de 20 anos esteamos celebrando a vixésima edición», sinalou, ao tempo que explicou que non se vai facer un programa de man, porque serán os propios grupos os que presenten o seu repertorio, que será de música moi variada.

Para os concertos, todos de músicos ligados ao concello, xa sexa a través da banda ou o conservatorio, buscouse o lugar con mellor acústica e habilitaranse unhas 150 cadeiras para o público.

Pizzicato Trío abrirá o programa o 2 de xuño en Santa María e o Dúa Pravarel estreará San Xoán como escenario o 9. O Cuarteto Divertimento tocará o 16 na Praza da Constitución e Tango en Xan3iro en Coronel Pena o 30. Todos os concertos serán ás 20.30 horas.

En xullo será o turno de Cuarteto Skirion (o 7 en Santa María), Cuarteto en A (o 14 na Praza da Constitución), Cuarteto Castelao (o 21 en San Xoán) e a Banda de Vilalba (o 28 na Praza da Constitución) e en agosto actuará AproyecT (o 4, Suso Gayoso), Tuba e Dálle (o 11, Coronel Pena) e A Vabagán (18, Suso Gayoso).

Comentarios