Viladonga mostra reproducións de cerámica achada no propio castro

A exposición pode verse no museo ata o 30 de setembro ► Cultura destina 135.000 euros a novas escavacións
Peza de cerámica castrexa reconstruída
photo_camera Peza de cerámica castrexa reconstruída

O castro de Viladonga é un deses espazos que axuda a coñecer como era a vida dos humanos na prehistoria. Este museo e xacemento arqueolóxico da Terra Chá, xestionado pola Consellería de Cultura e Educación, acolle desde mediados deste mes ata o 30 de setembro una exposición de reproducións de once pezas de cerámica castrexa, todas elas achadas neste emprazamento galaico romano. Estas réplicas forman parte do obradoiro experimental promovido pola fundación Terra Termarum, de Castrolandín (Cuntis), que se adica a estas reconstrucións en Galicia. 

As réplicas das pezas están rigorosamente documentadas a nivel arqueolóxico, con referencias históricas de cada unha das formas, decoracións, texturas ou acabados. Deste xeito, conséguese unha réplica o máis exacta posible das versións orixinais. 

As reconstrucións, realizadas a partir dos fragmentos cerámicos que apareceron nas escavacións, permiten unha mellor lectura e comprensión das súas funcións, formas, tamaños e decoracións. 

Como complemento á exposición faranse a finais de setembro dous obradoiros: un de elaboración de pezas e outro relacionado coa cocción nun forno feito na contorna do castro, a cargo dos membros de Terra Termarum. 

As entidades que fixeron posible o desenvolvemento desta actividade son a Fundación Terra Termarum de Castrolandín, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Deputación de Lugo.

Como complemento á mostra faranse en setembro un obradoiro de elaboración de pezas e outro de cocción cerámica

ESCAVACIÓNS. A Consellería de Cultura continua cos proxectos de mellora do castro de Viladonga. O departamento autonómico licitou en 135.000 euros os servizos de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica, que se levarán a cabo nos vindeiros meses. Esta nova campaña contempla labores de escavación do último tramo do camiño que cruza a croa de este a oeste. 

Esta actuación irá acompañada dun rexistro da intervención, con levantamento planimétrico da área, debuxo arqueolóxico a escala de detalle e os procedementos estandarizados no protocolo de escavacións arqueolóxicas. O material que poida aparecer será depositado, debidamente contextualizado, no museo do castro. 

Tamén se procederá á limpeza e consolidación dos muros, pavimentos e outras estruturas tanto coñecidas como que poidan aparecer no transcurso da intervención. Do mesmo xeito, estanse facendo labores de desbroce, roza e limpeza do xacemento.

Comentarios