Vestixios silenciosos dun pasado

A falta de respostas a preguntas sobre qué pasou en Galicia nos séculos que comprenden dende a decadencia e caída do Imperio Romano ata a Alta Idade Media levaron a Manuel Gago Mariño -profesor de Xornalismo da USC- a investigar xacementos arqueolóxicos, como restos de fortificacións e refuxios ante invasións normandas, que deran luz sobre eses anos cheos de feitos históricos relevantes pero dos que apenas hai documentación.

Esta busca tróuxoo ata a comarca, onde sitúa polo menos 30 localizacións con monumentos defensivos, algúns deles base de lendas como a do Bispo Santo. Precisamente a conexión desta historia ca realidade, feita a través de achádegos arqueolóxicos, será unha das que poderán escoitar mañá todos os que queiran asistir á conferencia ‘Repúblicas de homes libres. O territorio como defensa’, que imparte ás 20.30 horas na casa da cultura de Foz, organizada por Mariña Patrimonio e A Pomba do Arco.

Manuel Gago define A Mariña como unha «auténtica liña vermella» nesta época no que se refiere a invasións normandas. «Hai que ter en conta que boa parte dos invasores que atacan Galicia chegan por mar. Cando os bárbaros atacan as illas británicas, a poboación escapa á Mariña. E cando atacan os normandos, tamén A Mariña sofre as consecuencias deses ataques. De feito, hai unha densidade de topónimos enorme vinculada a fortalezas, xacementos pouco considerados, pero que fan que A Mariña sexa a primeira liña de contacto con estas culturas», sinala.

O profesor intentará explicar cómo a través da arqueoloxía se pode coñecer esa época histórica e para iso analizará varios xacementos encontrados na comarca. Así, sinala que esta é unha zona de «moitísimos castelos», sobre todo nos montes, onde non foron destruidos, e apunta ó Valadouro como «punto moi importante, pois é o paso da Mariña cara ó interior». Comenta tamén a existencia dunha «torreta» en Comado, ou a historia do mosteiro de San Tirso, en Xove, un dos tres fundados por un monxe que chegou á comarca dende Coimbra, que destaca por estar construido no interior dun castro que está nun cantil sobre o mar, «para defenderse deses ataques». Esta construción, di, «é un dos exemplos máis espectaculares de ubicación dun mosteiro altomedieval nese momento, cunha tipoloxía moi habitual en Irlanda ou Cornualles», e que aquí está infravalorado e por estudar.

O coñecemento e posta en valor destes achádegos é un dos obxectivos de Gago, que lamenta a destrución que sufriron moitos deles «nos últimos dez anos da Xunta». «Todos estes xacementos resistiron máis de mil anos e nos últimos cargámonos todo, moitos quedaron machacados por parques eólicos, pistas ou canteiras», di. Por iso reclama a súa conservación, pois «Galicia é un dos lugares de Europa onde esta época está representada por este tipo de fortificacións. Son crónicas que nos conectan con Escandinavia, Xermania..., historias ás veces bélicas e outras veces non, pero que nos unen co resto da Europa Atlántica».

Comentarios